Novas de Cooperación Galega
18/12/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO MANIFESTA O COMPROMISO DA DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR COA FORMACIÓN NO EIDO DA COOPERACIÓN INTERNACIONAL

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, aludiu hoxe ao compromiso do seu departamento coas actividades encamiñadas a fortalecer a formación no eido da cooperación ao desenvolvemento. Sotelo manifestou o apoio a todas aquelas actividades dirixidas a formar a expertos en cooperación internacional, tanto aquí como no terreo como xeito de incidir na "profesionalización deste sector".

Sotelo realizou estas declaracións na xuntanza que mantivo cos oito bolseiros que veñen de realizar unha estadía de tres meses en Perú, Bolivia e Ecuador a través das bolsas que a Universidade de Santiago de Compostela oferta coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Estas bolsas permitiron aos estudantes do Máster de Cooperación Internacional participar en proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se están a financiar dende a Xunta de Galicia.

Tarefas en Perú, Bolivia e EcuadorAs estadías, de tres meses de duración, son resultado dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago, de xeito que os beneficiarios teñan cubertos os gastos de desprazamento, alimentación e aloxamento no lugar de destino. Ambas institucións recoñecen así a necesidade de implicarse dun xeito activo nas tarefas de sensibilización, formación e voluntariado en materia de cooperación.Dos oito estudantes beneficiarios da bolsa, tres realizaron as súas actividades en Perú, catro en Ecuador e unha en Bolivia.En Perú, participaron na provincia de Cutervo nun proxecto onde a Escola Campesina de Educación e Saúde (ESCAES) está a mellorar as condicións de saúde e salubridade das familias rurais. Nesta zona, está situada a microcunca do Yatún, beneficiaria do proxecto "Comunidades saudables e conservación do Medio Ambiente" financiado pola Xunta de Galicia.

Entre as actividades que se levan a cabo destaca a verificación da instalación das denominadas " cociñas melloradas". Con este proxecto preténdese substituír as cociñas tradicionais desta zona, que debido as súas condicións causaban importantes problemas de saúde nas mulleres, tales como glaucoma debido o fume que se acumulaba no seu interior ao non contar con ningún tipo de sistema de extracción de fumes, ou artrose ao ter que cociñar en posicións pouco axeitadas.

En Bolivia, o obxectivo da bolseira alí desprazada foi participar na cidade de Potosí no Proxecto de Rehabilitación de Áreas Históricas e Patimoniais (PRAPH). Mediante este proxecto preténdese reutilizar os espazos históricos de Potosí para os seus habitantes. Ecuador é o terceiro destino para os xóvenes cooperantes galegos. En Manabí participaron en tarefas encadradas dentro dos máis diversos ámbitos, tanto colaborando coa dirección de Produción e Medio Ambiente como coa Asociación de Xuntas Parroquiais, de xeito que estas comunidades se poidan dotar de ferramentas de xestión e capacidades para a loita contra a pobreza e a desigualdade .