FABIOLA SOTELO PARTICIPA NA PAZ NA SINATURA DA ACTA DA COMISIÓN MIXTA HISPANO BOLIVIANA DE COOPERACIÓN
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, participou hoxe na Paz (Bolivia) na sinatura da Acta da Comisión Mixta hispano-boliviana de Cooperación celebrada no Pazo de Goberno. O acto estivo copresidido polo Xefe do Executivo boliviano, Evo Morales, e a Vicepresidenta primeira do Goberno español, María Teresa Fernández de la Vega.
Este acordo, asinado pola Secretaria de Estado de Cooperación do Executivo central, Leire Pajín, e o ministro de Planificación do Desenvolvemento de Bolivia, Carlos Villegas, fixa as accións de colaboración e axuda ao desenvolvemento que se realizarán entre os dous países durante o período 2006-2010 nos eidos científico, educativo e cultural.
Ambas as delegacións acordaron definir os sectores de intervención arredor de dous grandes obxectivos estratéxicos: a redución da pobreza a través da ampliación da cobertura das necesidades sociais básicas e mediante a creación de crecemento económico sostible, e a consolidación e profundizacion democrática, loitando contra a exclusión no proceso de participación social e de toma de decisións no que se atopa un amplo porcentaxe da poboación boliviana.
Con el ratificase o espírito de estreita colaboración entre Bolivia e España, definindo un programa de cooperación conxunta na loita contra a pobreza, na defensa dos Dereitos Humanos, equidade de xénero, sustentabilidade ambiental e respecto á diversidade cultural.
60 millóns de euros en 2006En virtude deste acordo, a cooperación española comprometese a achegar este ano un total de 60 millóns de euros, o que converte a Bolivia no primeiro receptor de axuda oficial española para o desenvolvemento de América Latina e Caribe.
Destes 60 millóns de euros, o 40% provén da Administración xeral do Estado e o 60% restante corresponde á cooperación descentralizada que se leva a cabo a través das Comunidades Autónomas e Entidades Locais (Concellos, Deputacións Provinciais, Cabidos insulares e Fondos de Cooperación para o Desenvolvemento).
Representación das autonomías e entidades locaisAs Comunidades Autónomas e as Entidades Locais son axentes directos da Cooperación Internacional e constitúen unha cada vez máis importante fonte de financiamento da Cooperación Española en Bolivia. Tendo en conta que estas Administracións son consideradas actores das políticas de cooperación ao desenvolvemento marcadas polo Goberno español, segundo o establece a Lei española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, trátase de enmarcar todas as súas actuacións na mesma liña estratéxica coa finalidade de mellorar a eficacia e impacto de todos os proxectos.
En representación desta cooperación descentralizada, participaron no acto, a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, e Antonio Rodríguez, membro do Fondo Municipal Estremeño.
Axenda institucionalAo longo da xornada de hoxe Sotelo tamén participará na axenda institucional que a Vicepresidenta primeira do Goberno leve a cabo en Bolivia. Pola mañá (tarde en Galicia) participará nun encontro con cooperantes convocado pola Secretaría de Estado de Cooperación, nunha visita ao Concello da Paz e, xa pola tarde, asistirá á inauguración dun laboratorio e dun quirófano no Hospital do Neno, así como nunha homenaxe á poboación indíxena boliviana.
Actuación galega en BoliviaReafirmando o seu compromiso coa erradicación da pobreza no mundo, o Goberno galego está a participar nun total de 11 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Bolivia. Con esta finalidade se están a levar a cabo actuacións en materia de formación, sanidade, fortalecemento institucional, medio ambiente, e organización sindical por valor de 477.000 euros.
Bolivia é un dos países considerados prioritarios dentro das actuacións a prol do desenvolvemento do Goberno galego. É o máis pobre de Sudamérica; o 60,2% da súa poboación vive por debaixo da liña da pobreza.
Para contribuír a reverter esta situación, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a colaborar con diversas ONGD´s e a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) no desenvolvemento de proxectos en diversos puntos da xeografía boliviana.