Novas de Cooperación Galega
25/01/2008
Xeral

FABIOLA SOTELO PRESENTA EN O SALVADOR PROGRAMA FORMACIÓN DE PESCADORES ARTESANAIS EN CENTROAMÉRICA

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, participou onte en El Salvador, na presentación do programa rexional de pesca elaborado de xeito conxunto coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), do que a Xunta executa a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a rama de formación. Este proxecto pretende dar resposta ás necesidades dos parceiros para reverter a situación de carencias formativas detectadas en toda a cadea pesqueira. Con este fin, o Goberno galego destina ata 2009, 842.000 euros a programas que teñen  como obxectivo capacitar aos pescadores centroamericanos, para facer da pesca artesanal o motor de desenvolvemento das súas comunidades. En concreto, en 2007 o orzamento destinado ascendeu aos 316,500 euros, mentres que nos anos 2008 e 2009  o Goberno galego destinará a este programa, 361.500 euros e 164.000 euros respectivamente. O proxecto levarase a cabo en colaboración cos gobernos locais e a Organización Pesqueira e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA), integrada polos Ministros, Viceministros e directores de pesca e acuicultura da rexión, que tamén asistiron ao acto. Sotelo quixo remarcar o compromiso que o goberno galego adquiriu en materia de cooperación pesqueira en diversos países do mundo e moi especialmente na rexión centroamericana. Posto que a infraestrutura e promoción do tecido económico é un dos eixes de actuación sectoriais establecidos no I Plan Director da Cooperación Galega e motor do desenvolvemento dos pobos, Sotelo engadiu que “Galicia pode aportar un valor engadido, a pesca, dada nosa experiencia como pobo eminentemente mariñeiro”.