FABIOLA SOTELO PRONUNCIARÁ MAÑÁ A CONFERENCIA INAUGURAL DAS II XORNADAS ANUAIS DE COOPERACIÓN
A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, pronunciará mañá a conferencia inaugural das II Xornadas Anuais da Cooperación, que se celebrarán en Arteixo. Este encontro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, confírmase nesta segunda edición como un foro para o debate, o intercambio de ideas e de experiencias entre os distintos actores e axentes da cooperación en Galicia.
Fabiola Sotelo analizará na súa intervención a necesidade dunha nova axenda na actuación para o desenvolvemento. Ao longo da xornada abordaranse diversos temas relacionados coas carencias económicas da cooperación galega e as ferramentas que permitan acadar unha mellor cooperación, de calidade.
Durante a mañá desenvolveranse dúas mesas redondas baixo os epígrafes de As carencias económicas da cooperación galega: problemas e solucións e ¿Máis recursos, mellor cooperación? Unha aposta pola calidade. Nelas intervirán membros da Coordinadora Galega de ONGDs, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, das universidades da Coruña e de Santiago de Compostela e da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.
Experiencia Italiana O coordinador internacional da Iniciativa de Cooperación descentralizada do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (ART-APNUD), Giovanni Camilleri achegará a experiencia italiana neste eido. Será o encargado de poñer o colofón a estas II Xornadas Anuais da Cooperación. Retos e oportunidades da cooperación galega, que se celebrarán mañá no Centro Social de Arteixo e que está dirixido a autoridades políticas autonómicas e municipais con responsabilidade nestas áreas e tamén a ONGDs, profesionais e cidadáns interesados nesta materia.