Novas de Cooperación Galega
10/01/2007
Xeral

FABIOLA SOTELO RATIFICA O COMPROMISO DA XUNTA DE GALICIA CO CUMPRIMENTO DOS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO DO MILENIO E COA SENSIBILIZACIÓN DA SOCIEDADE GALEGA NESTE EIDO

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, ratificou hoxe o compromiso do executivo galego coas políticas encamiñadas a favorecer o cumprimento dos oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) que Nacións Unidas marcou para o ano 2015. Sotelo considerou “imprescindible” promover o coñecemento destes oito obxectivos para que a sociedade galega sexa consciente da necesidade de apoiar e promover todas aquelas accións encamiñadas a acadar un desenvolvemento aceptable a nivel mundial.

A directora xeral participou esta mañá, xunto cun grupo de escolares do CEIP Colexiata de Sar de Santiago, no acto de presentación da exposición “Obxectivo 2015” que organiza a ONGD Jóvenes del Tercer Mundo coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Este programa pretende dar a coñecer cales son estes oito obxectivos promovidos pola ONU e cal é a situación na que se encontran actualmente.

447.000 euros para actividades de sensibilizaciónEsta actuación enmárcase dentro das actuacións que o Goberno Galego está a desenvolver en materia de sensibilización. A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinará este ano 447.000 euros a actividades de sensibilización cidadá respecto dos problemas do subdesenvolvemento, as súas causas e as posibilidades que a sociedade galega ten para contribuír a solucionar esta situación.

Só na súa convocatoria para a concesión de axudas para o financiamento de actividades de sensibilización e formación en temas de cooperación, a Xunta de Galicia achegou este ano 283.000 euros. Deste xeito contribuirase á realización de 21 proxectos de sensibilización. Ademais asináronse catro convenios con outras organizacións para a realización doutros programas de sensibilización. Así, co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, se está a colaborar no desenvolvemento da campaña Revirando o Milenio, á Coordinadora Galega de ONGD´S, financiáronselles entre outras, as campañas de 14 mandamentos do Bo Cooperante e a Campaña de Loita contra a pobreza – no marco da campaña dos Obxectivos do Milenio - , e se están a poñer en marcha actuacións coas universidades de Santiago de Compostela e a Coruña.

“Obxectivo 2015”O proxecto “Obxectivo 2015”, que está a levar a cabo a ONGD Jóvenes de Tercer Mundo, pretende educar e sensibilizar ante os compromisos asumidos nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e dar a coñecer as situacións problemáticas ás que queren dar resposta. Para isto, están a desenvolver diversas accións, que contan cunha subvención da Dirección Xeral de Cooperación Exterior de 24.400 euros, de xeito que a sociedade galega se faga consciente da necesidade de contribuír cos procesos que incidan no desenvolvemento dos países empobrecidos.

Entre as actividades que se están previstas que se realicen , ademais da exposición itinerante sobre os ODM, destacan a publicación de material didáctico para tratar esta temática en idades e niveis educativos de Primaria, ESO e Bacharelato así como a edición dun DVD con material audiovisual (documentais, curtametraxes). Tamén está previsto que se realice un festival escolar de canción sobre os ODM en Santiago.

Máis de 3.000 alumnas e alumnos dos colexios e institutos de Galicia poderán participar das actividades que se enmarcan dentro deste proxecto e que permitirán á mozidade galega coñecer cales son os retos que Nacións Unidas pretende acadar para o ano 2015.

Obxectivos de desenvolvemento do MilenioOs Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio constitúen un plan ratificado por 189 líderes mundiais no marco das Nacións Unidas no ano 2000 co que se pretende acadar unha serie de indicadores de desenvolvemento para o ano 2015 : a erradicación da pobreza extrema e da fame, lograr a ensinanza primaria universal, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater a SIDA e outras enfermidades como o paludismo, garantir a sustentabilidade do medio ambiente e fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento