Novas de Cooperación Galega
06/07/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO REAFIRMA A APOSTA DA XUNTA POLA “TRANSPARENCIA NA XESTIÓN” NA PRESENTACIÓN DO SERVIZO DE INFORMACIÓN Á COOPERACIÓN

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reafirmou hoxe a aposta do Goberno galego pola “transparencia na xestión” na presentación do Servizo de Información á Cooperación (SIC). Esta ferramenta informática recolle o conxunto dos investimentos públicos e privados e as características das accións solidarias desenvolvidas o ano pasado en Galicia.

Trátase da primeira iniciativa deste tipo que se leva a cabo no Estado Español e está dispoñible para a consulta pública na web da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta en www.cooperaciongalega.org.

Fabiola Sotelo remarcou na súa intervención que este novo servizo permitirá “coñecer o verdadeiro impacto das accións do sector da cooperación en Galicia, contribuíndo a identificar as tendencias e os posibles erros para mellorar as planificacións para o futuro”. Así mesmo, indicou que a partir deste conxunto de datos é posible “por primeira vez, unha avaliación cualitativa e cuantitativa da cooperación galega na súa integridade, e non só das accións” da Administración autonómica.

Na súa opinión, con este servizo preténdese tamén “prestar apoio ao sector da cooperación en Galicia”, poñendo a súa disposición “unha ferramenta que permite coñecer o volume e as actuacións que se están a desenvolver dende a nosa comunidade autónoma”. Segundo explicou, isto permitirá “xa a medio prazo a xeración de coñecemento e a mellora da calidade da nosa cooperación”.

“Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que pon en marcha un sistema integral coma este. Temos a vocación de ser un referente na cooperación española e contribuír a sentar as bases da transparencia no sector”, declarou.

Consulta de datos desagregadosO SIC permite realizar buscas a partir de características das entidades realizadoras e dos proxectos. Nas posibilidades figuran clasificacións por datas, autor e financiador do proxecto, así como a clasificación das actuacións por áreas xeográficas, países, prioridades de actuación transversais (Dereito ao desenvolvemento e loita contra a pobreza, promoción da igualdade entre homes e mulleres, defensa da sostenibilidade ambiental, desenvolvemento participado, bo goberno e respecto polos dereitos humanos; diversidade cultural e pobos indíxenas, codesenvolvemento e comercio xusto) e prioridades sectoriais (cobertura das necesidades sociais básicas, investimento no ser humano, infraestrutura e tecido económico, medio ambiente e forestal, participación social e bo goberno, axuda humanitaria de emerxencia e sensibilización social e educación para o desenvolvemento).  Preto de 8 millóns de euros para 142 proxectos en 2005A directora xeral de Cooperación Exterior informou que da análise dos datos compilados sobre as actuacións en 2005, despréndese que o sector público galego (no que se inclúen as Administracións autonómica, local e provincial e as Universidades) destinou o ano pasado un total de 7.651.594 euros para financiar 142 proxectos a prol do desenvolvemento.

Desagregado por porcentaxes, o actor principal do financiamento público neste eido é a Dirección Xeral de Cooperación Exterior cunha participación do 92,17% do total do financiamento. En 2005, este departamento autonómico destinou 7.052.553 euros para máis de 120 proxectos que se desenvolveron en 29 países.

Tamén figuran como finaciador público para este período o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (189.440 euros /2,48 %), Universidade de Santiago de Compostela (103.330 euros /1,35%), a Fundación Galicia-Emigración (77.791 euros /1,02 %), Secretaría Xeral de Política Lingüística (37.040 euros /0,48%), AGADER (36.000 euros /0,47%), Concello de Oleiros (30.000 euros /0,39%), Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente (30.000 euros /0,39%), Concello de Lugo (26.238 euros /0,34%), Concello da Coruña (24.000 euros /0,31%), Universidade de Vigo (21.200 euros /0,28%), Concello de Allariz (12.000 euros / 0,16%) e Universidade da Coruña (12.000 euros /0,16%).

A estes datos de financiamento público, cabe engadir a actuación de entidades como a da Obra Social de Caixa Galicia, principal axente privado galego de cooperación. Segundo os datos do SIC, esta obra social achegou 311.676 euros o exercicio pasado para levar a cabo 11 proxectos que se desenvolveron en Bolivia, Brasil, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Nicaragua e Panamá.

Actuación por países Na clasificación por países, os proxectos de cooperación para o desenvolvemento levadas a cabo polo diñeiro público galego en 2005 realizáronse maioritariamente en España         -para sensibilización social- (30 actuacións), logo en Perú (15 proxectos), Bolivia (10), Arxentina (9), Ecuador (8), O Salvador (8), Nicaragua (6), India (5), Mozambique (5), Guatemala (4), Cuba (4), Cabo Verde (3), Honduras (3), Mauritania (3), República Dominicana (3), Brasil (2), Colombia (2), Namibia (2), Sri Lanka (2), Angola (2), Chad (1), Etiopía (1), Indonesia (1), Líbano (1), Marrocos (1), México (1), Palestina (1), Territorios saharauís (1) e Venezuela (1).

A web www.cooperaciongalega.org da Xunta de Galicia foi creada con vontade de converterse no portal do mundo da cooperación en Galicia e servir de ferramenta para que tanto ás ONGD´s, institucións e entidades que realizan accións a prol do desenvolvemento atopen os recursos, a información e os enlaces que poidan resultar do seu interese. Ao mesmo tempo, ten vontade de achegar ao público en xeral toda a información sobre esta actividade, contribuíndo á súa difusión e á sensibilización social en torno á problemática do subdesenvolvemento e as súas causas.

Está organizada en 9 apartados que conteñen información sobre a xestión da Dirección Xeral de Cooperación Exterior (estrutura, directorio, documentos, convocatorias de axudas públicas, proxectos, noticias, axenda) e do sector solidario tanto en Galicia como no contexto español e mundial (lexislación básica da cooperación, documentos, taboleiro de anuncios, enlaces de interese a webs, publicacións, formación, etc.)