Novas de Cooperación Galega
01/02/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO REAFIRMA O COMPROMISO DA XUNTA COS “OBXECTIVOS DO MILENIO”, ESTABLECIDOS POLA ONU PARA TRABALLAR POLO DESENVOLVEMENTO

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reafirmou esta mañá o compromiso da Xunta de Galicia cos Obxectivos do Milenio, establecidos pola ONU para traballar polo desenvolvemento. Fabiola Sotelo visitou esta mañá a exposición As Portas do Milenio, no seu percorrido estivo guiada polo presidente de UNICEF Galicia, Andrés Fariña Cadenas, e mailo Coordinador de Cooperación Internacional de Cruz Vermella de Galicia, Fidel Martín.

Nun encontro cun grupo de rapaces e rapazas, alumnos do IES de Fontiñas, a directora xeral de Cooperación Exterior, explicoulles as propostas do Goberno autonómico en materia de cooperación ao desenvolvemento e reiteroulles a vontade da Xunta de contribuír ao cumprimento dos oito obxectivos do milenio.

Así mesmo, Sotelo interesouse polas mensaxes deixadas polos nenos e nenas que visitan a exposición na “banda branca”, un rolo de papel de preto de 50 metros de lonxitude que recolle as reflexión dos escolares despois de coñecer os “Obxectivos do Milenio”.

A exposiciónA exposición consta de 16 esculturas que debuxan oito arcos. Cada escultura simboliza a un neno con grandes pés ancorados nos problemas do mundo, un corazón sensible latexando mensaxes de solidariedade e unha cabeza que, en forma de engrenaxe pensante, analiza de maneira intelixente como resolve-los problemas do mundo. O obxectivo da exposición é dar a coñecer os Obxectivos Do Milenio á cidadanía con especial atención aos escolares. Santiago de Compostela e a única cidade de Galicia que recibirá a exposición que está englobada na campaña a nivel mundial desenvolta polas Nacións Unidas. A exposición estará instalada no Centro Comercial Área Central ata o 18 de febreiro.

A Campaña do Milenio A Campaña do Milenio é iniciativa de Nacións Unidas. Con ela preténdese “informar, inspirar e motivar o compromiso e a participación dos cidadáns” para que contribúan a lograr os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Nacións Unidas quere prestar apoio aos esforzos da sociedade civil para que esixan aos Gobernos que se involucren e sexan partícipes na execución de políticas para erradicar a pobreza e a cumprir cos Obxectivos do Milenio para o 2015.

Os oito obxectivos do Milenio foron adoptados de xeito unánime polos 189 xefes de Estado e Goberno das Nacións Unidas en setembro de 2000. Estes obxectivos refórzanse mutuamente e representan un “Pacto Global” ente todos os países (ricos e pobres) baseado na responsabilidade mutua de construír un mundo máis seguro, máis próspero e máis equitativo para todos antes de 2015.

Os obxectivos do Milenio son os seguintes:

1. Erradicar a pobreza extrema e a fame

2. Acadar a ensinanza primaria universal

3. Promover a igualdade entre xéneros e a autonomía da muller

4. Reducir a mortalidade infantil

5. Mellorar a saúde materna

6. Combater o VIH/SIDA, o paludismo e outras enfermidades

7. Garantir a sostenibilidade do medio ambiente

8. Fomentar a asociación mundial para o desenvolvemento

A través das actividades desta campaña búscase espertar a sensibilidade, xerar conciencia social e promover a vontade política necesaria para acadar os 8 obxectivos do desenvolvemento do Milenio.