Novas de Cooperación Galega
08/04/2008
Xeral

FABIOLA SOTELO RECIBE Á DELEGACIÓN DOMINICANA DA MUNICIPALIDADE DE SANTIAGO DE LOS CABALLEROS

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, recibiu esta mañá á Delegación Dominicana da Municipalidade de Santiago de los Caballeros, acompañados polo Presidente de SOGAMA, José Álvarez, o Presidente do Grupo Danigal, Jesús Alonso e a Delegada do Grupo DEX, María Soaje.

En setembro do pasado ano, asinouse un convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Sociedade Galega de Medio Ambiente para a implementación do proxecto “Apoio á implementación de melloras no tratamento de residuos na República Dominicana”, que culmina coa visita desta delegación. A implicación da Sociedade Galega de Medio Ambiente realízase consonte a un dos obxectivos da Cooperación Galega, como é incluír aos diferentes departamentos do goberno galego no eido do desenvolvemento. Deste xeito, a entrevista coa Directora Xeral mantida hoxe encádrase na visita que os técnicos da Municipalidade de Santiago de los Caballeros realizan a Galicia para complementar a súa aprendizaxe na xestión de residuos.

A detección de necesidades sociais e técnicas vinculadas á xestión de residuos, impulsou á Dirección Xeral de Cooperación Exterior á implementación dun Programa Integral nesta cidade durante os vindeiros 3 anos, onde as liñas prioritarias son: educación, sanidade, desenvolvemento produtivo, saneamento básico e habitabilidade, acompañadas de fortalecemento institucional, fortalecemento da sociedade civil e  xénero. Programa IntegralXa dentro do Programa Integral, reforzar as capacidades institucionais e implicar as autoridades tanto locais como nacionais destacan como prioridades. Igualmente, mellorar as capacidades técnicas das administracións servirá para que nun futuro próximo poidan manter por si mesmas o ciclo de tratamento de residuos.O Programa considera primordial a integración da poboación que subsiste grazas a actividade existente arredor dos vertedoiros. Esta integración producirase a partir de actividades económicas alternativas que permitan á poboación  implicarse no proceso de desenvolvemento das súas comunidades, a través da creación de cooperativas ou mediante procesos formativos cara a diversificación da actividade económica. Outro dos aspectos nos que incide o Programa Integral é o da sensibilización a nivel medioambiental da poboación beneficiaria.