FABIOLA SOTELO SALIENTA QUE O DOCUMENTAL “CABO VERDE. SABI” SERVIRÁ PARA ACHEGAR A REALIDADE DA EMIGRACIÓN CABOVERDIANA Á SOCIEDADE GALEGA
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, participou está mañá no acto de presentación do documental “Cabo Verde. Sabi. A muller e a terra, o home e o mar” coproducido por Abada Xestión Cultural e a CRTVG, contando coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Sotelo salientou que esta iniciativa servirá para achegar a realidade da emigración caboverdiana á sociedade galega, dándolle visibilidade a unha serie de situacións que doutro xeito quedarían silenciadas.O acto contou tamén coa presenza da xefa de produción do documental, Natalia San José, o director de programas da CRTVG, Eduardo Galán e o director de relacións externas da CRTVG, Pastor Lorenzo.
Na súa intervención a directora xeral destacou a necesidade de apoiar todas aquelas accións encamiñadas a dar a coñecer a realidade dos países en vías de desenvolvemento, de xeito que a sociedade se faga consciente das causas da desigualdade. “Tan importante é colaborar na mellora das condicións de vida daquelas comunidades con menos recursos, como concienciar a nosa cidadanía sobre a responsabilidade ética que todos temos á hora de loitar pola consecución dun mundo máis xusto”, remarcou Sotelo.
Cabo Verde, prioridade da cooperación galegaSotelo aludiu tamén ao compromiso que Galicia ten adquirido en materia de cooperación con este país africano, xa que Cabo Verde é un dos dezasete países prioritarios onde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior esta a traballar. A directora xeral destacou que este compromiso materializouse o pasado setembro nun dos máis ambiciosos proxectos que o seu departamento levará a cabo este ano. Co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade estase a desenvolver en Cabo Verde un plan integral que pretende incidir no fortalecemento dos entes locais no proceso de descentralización administrativa que se está levando a cabo no país.
Así mesmo, a través deste proxecto estanse a construír na illa de Santiago e Santo Antao un centro socio–comunitario, unha escola infantil e un centro de capacitación de mozos, segundo informou a propia directora xeral.
“A muller e a terra o home e o mar”O fío argumental deste documental dirixido por Manuel Maseda, xira entorno a dúas historias paralelas, por unha banda amósasenos a viaxe que o grupo de mulleres caboverdianas afincadas en Burela, as “Batuko Tabanka”, realizan ao seu país para levar a cabo unha xira de concertos. Alí as batucadeiras narran as impresións que lles produce o regreso despois de ata máis de vinte anos de ausencia nalgúns casos. A vida a bordo de “O Pachilán” un barco espadeiro no que conviven galegos e caboverdianos e que en moitas ocasións faena moi preto das costa de Cabo Verde, é a segunda das historias que nos achega este documental.As tradicións, os encontros, a xeografía, a música, a cooperación e o desenvolvemento, o humor... son, entre outros, os compoñentes desta historia de historias de ida e volta que reflicte a mensaxe máis positiva das migracións: o respecto e o diálogo.