Novas de Cooperación Galega
14/02/2007
Xeral

FABIOLA SOTELO SALIENTA QUE O INCREMENTO DUN 40% NOS ORZAMENTOS DESTINADOS A COOPERACIÓN EN 2007 CONSTITÚE “UN SALTO TOTALMENTE SEN PRECEDENTES”

 A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, salientou hoxe que o incremento do 40% nos orzamentos que o goberno galego dedica a cooperación en 2007 constitúe “un salto totalmente sen precedentes” para un sector que aínda está a apostar polo seu fortalecemento. Sotelo realizou estas declaracións na reunión dos órganos de asesoramento e coordinación da cooperación galega, a Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento (CINCODE), o Consello Galego de Cooperación (CONGACODE) e a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE).

Durante a súa intervención a directora xeral presentoulles aos tres organismos de asesoramento o Plan Anual de Cooperación para 2007, que tras recibir o visto bo dos mesmos, elevarase ao Consello da Xunta para a súa aprobación. Sotelo destacou que tras superar o primeiro ano de xestión, o 2007 será “un exercicio clave para a consolidación da nova cooperación que entre todas e todos estamos a construír”.

Entre as prioridades do seu departamento para 2007, Fabiola Sotelo anunciou a necesidade de continuar coa “rotunda aposta pola formación” que abarque “todas as fases da educación formal e xa na etapa universitaria, consiga a especialización no eido da cooperación dos mozas e mozos galegos”.

Incremento orzamentario do 40% para 2007Unha das características do Plan Anual da Cooperación Galega para 2007 será que vai contar para a súa execución cun orzamento un 40% superior respecto ao 2006. Deste xeito a dotación destinada polo goberno galego á cooperación para o desenvolvemento a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior ascende aos 9.300.000 euros.Un 67% do orzamento destinarase as convocatorias públicas de axudas dirixidas a proxectos de cooperación no exterior, de sensibilización e educación, de consolidación e fortalecemento de ONGD e microproxectos; o 21% irá destinado ao cofinanciamento de proxectos  a través da subscrición de convenios; un 7,5% servirá para financiar proxectos conxuntos coa Axencia Española de Cooperación Internacional mentres que o 3% restante utilizarase para outras actividades de difusión da cooperación galega.

Mellora da calidade técnica e operativa do sectorEntre os obxectivos que marca o Plan Anual da Cooperación Galega para 2007 destaca o de mellorar a calidade técnica e operativa do sector. Para isto dende a Dirección Xeral de Cooperación estanse a poñer en práctica unha conxunto de iniciativas con este fin. Entre elas, o financiamento de actividades formativas encamiñadas a coñecer a metodoloxía de formulación de proxectos co obxecto de que participen membros do sector da cooperación.  O aumento na adxudicación do número de bolsas para a formación de expertos en cooperación internacional é outra das accións coas que se pretende profesionalizar o sector en Galicia. Ademais espérase que neste 2007 se poña en marcha a Rede de Funcionarios Cooperantes Galegos, que permitirá a participación  do funcionariado galego en iniciativas de cooperación ao desenvolvemento.

Busca de sinerxíasAproveitar aqueles sectores galegos que poidan aportar máis valor e experiencia ás accións de cooperación do goberno galego é outra das prioridades que se contemplan para este ano. A pesca, a transferencia de tecnoloxía e de capacidades organizativas para o exterior, así como a xestión da saúde, a educación  e os recursos naturais e de medio ambiente concentrarán a maior parte dos recursos da Dirección Xeral de Cooperación Exterior neste 2007.

Un dos instrumentos utilizados para acadar estas sinerxías será o da cooperación directa. Esta ferramenta de cooperación permite chegar a sectores e espazos aos queoutros axentes  galegos non chegan mediante a realización de proxectos integrais nos que se busca implicar ao maior número posible de persoas e institucións, tanto en Galicia como nos países receptores.

Simplificación de procedementos e elaboración de estratexiasNeste 2007 dedicarase unha especial atención á elaboración dos documentos estratéxicos de intervención. Estes documentos, denominados Plans de Actuación por País (PAP), pretenden evitar a dispersión das accións realizadas polos axentes da cooperación galega, de xeito que estas se orienten cara intervencións  integrais e máis efectivas.

No eido da xestión, o Plan Anual da Cooperación para 2007 contempla a simplificación de procedementos burocráticos na xustificación de proxectos, de xeito que se poidan adaptar ás especiais dificultades nas que se desenvolve o traballo no exterior, en particular nos países en vías de desenvolvemento