FABIOLA SOTELO TRASLADA Á PRESIDENTA DO INSITUTO DA CONDIÇAO FEMININA DE CABO VERDE A “APOSTA” DA XUNTA POLA “IGUALDADE E O DESENVOLVEMENTO” NESTE PAÍS AFRICANO
A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, trasladoulle esta mañá á presidenta do Instituto da Condiçao Feminina de Cabo Verde, Claudia Sofía Rodrigues, a “aposta decidida” da Xunta de Galicia pola “igualdade de xénero e o desenvolvemento” neste país africano.
No encontro, no que tamén participou Iria Alonso en representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL), Fabiola Sotelo adiantou que o Goberno galego ten previsto destinar este ano 250.000 euros para actuacións de cooperación ao desenvolvemento en Cabo Verde. Neste sentido, indicou que xa se está a colaborar con este país africano a través do FOGACOSOL e que é unha liña de actuación que se potenciará coa sinatura deste acordo para o desenvolvemento do Plan de Acción para o fortalecemento da administración local caboverdiana no período 2005-2008.
Esta actuación prevé incidir en catro áreas fundamentais: a ordenación e xestión do territorio, o fortalecemento institucional, a creación de competencias técnicas e o fortalecemento da sociedade civil, nomeadamente no empoderamento das mulleres caboverdianas.
Así mesmo, se desenvolverá os vindeiros dous anos, tamén a través do FOGACOSOL, un programa de sensibilización nos concellos galegos para achegar aos cidadáns a necesidade e a realidade da cooperación con Cabo Verde. Dentro da estratexia de comunicación, afondarase na difusión dos 8 Obxectivos do Milenio. Esta actuación contará cunha achega adicional de 60.000 euros.
Mulleres, motor da cooperaciónFabiola Sotelo asegurou que a “muller é o motor do mundo da cooperación” e informou que na actualidade encárgase do 80% das actividades solidarias, “garantindo o seu éxito”. “É por iso que apostamos polas mulleres”- dixo-.
sí mesmo, destacou a importancia da visita para “coñecer de primeira man a realidade caboverdiana” e, particularmente, os temas referidos á muller e a súa problemática. A directora xeral de Cooperación Exterior destacou que a marxinación por razóns de xénero é “un problema mundial” e comprometeu a colaboración do Goberno galego para o traballo neste eido.
Actividades de difusión en Galicia O Instituto da Condiçao Feminina de Cabo Verde é unha institución gobernamental que dende os anos 90 traballa na promoción da igualdade e a equidade de xénero no seu país. A presidenta deste instituto, Claudia Sofía Rodrigues, e a coordinadora do Terceiro Obxectivo do Desenvolvemento do Milenio, Talina Ben´Holiel Pereira, están a realizar unha serie de visitas institucionais en Galicia.
Hoxe reuniranse tamén con membros do Goberno municipal de Santiago de Compostela e, -ás 19,00 horas na Galería Sargadelos da capital galega- con representantes de asociación de mulleres de Galicia para realizar unha posta en común e un intercambio de experiencias.
Voces de aquí e de alá revirando o milenio Mañá participarán no encontro Voces de Aquí e de Alá, Revirando o Milenio, que da comezo á campaña Reviravolta pola Equidade de Xénero que está a desenvolver a o FOGACOSOL coa colaboración do IGADI e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Esta iniciativa pretende introducir na sociedade galega o debate sobre o desenvolvemento, procurando construír unha voz propia coa que achegarse a outras sociedades e ás súas problemáticas.