Novas de Cooperación Galega
15/04/2016
Xeral

Galicia acolle a reunión da comisión de coordinación do convenio para a programación conxunta de actuacións en materia de acción humanitaria.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu a reunión da Comisión de Coordinación do convenio asinado o ano pasado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e as comunidades autónomas de Galicia, A Rioxa, Illas Baleares, Madrid, Estremadura e Valencia para a programación conxunta de actuacións en materia de acción humanitaria.
Na reunión decidíronse as actuación conxuntas que se van financiar na anualidade 2016, que ascende a 1.300.000 euros: un millón da achega da AECID e 50.000 euros por cada Comunidade Autónoma. A primeira das decisións foi dotar un “Fondo de Continxencias” que permita actuar en caso de emerxencias sobrevenidas e que se estableceu en 300.000 euros.
O resto do orzamento repartirase a partes iguais entre dous proxectos centrados na atención e na mellora da calidade de vida dos refuxiados, tanto en Siria como en Arxelia. Así, colaborarase coa Axencia das Nacións Unidas para os refuxiados palestinos (UNRWA) nun proxecto de Mellora da seguridade alimentaria e medios de vida para a poboación refuxiada de orixe palestina desprazada por mor do conflito Sirio, que recibirá 500.000 euros.
O proxecto recolle dúas ferramentas distintas: unha “axuda en efectivo”, que se materializará en pequenas contribucións bimensuais para a adquisición local de alimentos; e a provisión de alimentos non perecedoiros nas zonas onde por razóns de loxística resulte máis eficiente este tipo de distribución “en especie”. A actuación beneficiará a preto de 20.000 refuxiados.
Mellora da alimentacións dos refuxiados saharauís
Ademais, tamén se decidiu dar continuidade a unha intervención que xa tivo como precedente o ano pasado, a través da cal prestase apoio ao Programa Mundial de Alimentos nos campamentos de refuxiados saharauís. Esta actuación, dotada con outros 500.000 euros, apoiará fundamentalmente á canastra básica de alimentos secos que se entrega anualmente a estes refuxiados nos cinco campos das proximidades de Tinduf, en Arxelia.

Por parte da Xunta estiveron presentes na reunión o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, acompañados de persoal técnico da dirección xeral. A AECID estivo representada polo xefe da Oficina de Acción Humanitaria (OAH), Rafael de Prado Pérez; e a conselleira técnica da OAH, Beatriz Sierra.
En representación das Comunidades participaron a subdirectora xeral do Voluntariado da Comunidade de Madrid, Pilar Renes; o director xeral de Cooperación e Solidariedade da Comunidade Valenciana, Federico Buyolo; o director xeral de Cooperación de Baleares, Antoni Servera; e o director xeral de Acción Exterior da Rioxa, Giorgio Cerina.
Comisión de Coordinación do convenio coa AECID
O pasado ano a AECID asinou un convenio de colaboración coas Comunidades Autónomas de Galicia, A Rioxa, Illas Baleares, Madrid, Estremadura e Valencia para a programación conxunta de actuacións en materia de acción humanitaria.
Na última reunión, celebrada na AECID o pasado 27 de novembro, constituíuse unha Comisión de Coordinación das actuacións que se levan a cabo no seo deste convenio e se decidiu que a Comunidade de Galicia ostentase a presidencia rotatoria da dita comisión entre o 1 de decembro de 2015 e o 31 de maio de 2016.