GALICIA ACOLLERÁ EN SETEMBRO A XUNTANZA PREPARATORIA DO XVI CUMIO IBEROAMERICANO DE XEFES DE ESTADO E DE GOBERNO
Galicia acollerá entre os vindeiros días 6 e 8 de setembro a xuntanza preparatoria do XVI Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno. Responsables de cooperación e coordinadores nacionais de 22 Estados americanos e da península ibérica reuniranse en Santiago para definir a axenda de traballo do Cumio que se celebrará en Montevideo no mes de novembro e que terá como tema principal a análise das migracións e o desenvolvemento.
En total, participarán nestas catro xornadas preparatorias preto de medio cento de viceministros e directores xerais de Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, O Salvador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Portugal, Principado de Andorra, República Dominicana, Uruguai, Venezuela, Cuba, Paraguai, Perú, Costa Rica, Panamá e Ecuador, coordinados polo Secretario Xeral Iberoamericano, Enrique Iglesias.
A Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB) é o órgano de apoio institucional, técnico e administrativo á Conferencia Iberoamericana. De recente creación e con sede en Madrid, é responsable da organización dos Cumios Iberoamericanos, en estreita colaboración coa Secretaría Pro-Tempore, que cada ano ostenta o país organizador. Así mesmo, realiza un seguimento dos acordos establecidos nos Cumios e actúa como enlace entre un cumio e outro. Esta secretaría ten como obxectivo fortalecer a cooperación rexional a través de iniciativas, programas e proxectos. Ao mesmo tempo, contribúe á promoción internacional da Comunidade Iberoamericana no marco dos mandatos recibidos dos Xefes de Estado e de Goberno.
Conferencia IberoamericanaA Conferencia Iberoamericana é un foro de consulta e concertación política que reúne anualmente aos Xefes de Estado e de Goberno das 22 nacións de fala hispana e portuguesa de América Latina e Europa. O seu propósito é reflexionar sobre os desafíos do contorno internacional, así como impulsar a cooperación, coordinación e solidariedade rexionais.
Os países membros da Conferencia son Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Perú, Paraguai, Portugal, Principado de Andorra, República Dominicana, Uruguai e Venezuela.
AntecedentesNo marco da conmemoración dos 500 anos do encontro entre dous mundos, España plantexou a iniciativa de convocar un Cumio Iberoamericano. México acolleu con grande interese esa iniciativa e propuxo dar ao Cumio un sentido político, con vistas a identificar espazos comúns para lograr unha maior coordinación e cooperación entre os países iberoamericanos. Con este propósito, ofreceu a cidade de Guadalaxara como sede do Primeiro Cumio
O último cumio de Xefes de Estado e de Goberno celebrouse en Salamanca (España), os días 14 e 15 de outubro de 2005. Este encontro ten servido de punto de partida para o novo proceso de consolidación da comunidade iberoamericana, articulada en torno á Secretaria Xeral Iberoamericana (SEGIB). O vindeiro encontro destas características terá lugar o vindeiro mes de novembro en Montevideo (Uruguai).
Enrique IglesiasEnrique Iglesias comezou a súa xestión como Secretario Xeral Iberoamericano o 1 de outubro de 2005 despois de ter sido, ao longo de 17 anos, presidente do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID). Anteriormente, foi ministro de Relacións Exteriores de Uruguai (1985-1988); secretario executivo da Comisión Económica para América Latina e Caribe das Nacións Unidas (CEPAL), entre 1972 e 1985; secretario xeral da Conferencia das Nacións Unidas sobre Fontes de Enerxía Novas e Renovables que tivo lugar en Nairobi, Kenia, en 1981, e presidente da Reunión Ministerial que deu inicio á Ronda Uruguai do Acordo Xeral sobre Aranceis e Comercio (GATT), en Punta del Este, Uruguai, en 1986. Entre 1966 e 1968 foi presidente do Banco Central de Uruguai.
Iglesias iniciou a súa carreira en 1954 no sector privado como Director da Unión de Bancos de Uruguai. No eido académico foi profesor de Desenvolvemento Económico e Director do Instituto de Economía da Universidade da República de Uruguai. Foi membro do Directorio do Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais (CLACSO), e participou en diferentes cursos da CEPAL, da Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI), e do Instituto Latinoamericano e do Caribe de Planificación Económica e Social (ILPES) de Nacións Unidas, a cuxo Directorio pertenceu desde 1965 e do que foi presidente entre 1967 e 1972.
Ten escrito numerosos artigos e ensaios sobre as diferentes dimensións do desenvolvemento de América Latina e é autor de numerosos libros, entre os que cabe salientar "América Latina no umbral dos anos oitenta"; "O desafío enerxético" e "Desenvolvemento e equidade: o desafío dos anos oitenta".