Novas de Cooperación Galega
31/03/2006
Xeral

GALICIA COLABORA COA COMUNIDADE INDÍXENA GUATEMALTECA NA CONSTRUCCIÓN DE VIVENDAS EN TERRAS RECUPERADAS

Galicia está a colaborar coa comunidade indíxena guatemalteca na construción de vivendas en terras recuperadas. A Xunta de Galicia participa dende 2004 nun proxecto de Arquitectos sen Fronteiras de Galicia para prestar apoio á autoconstrución de vivendas na Comunidade Victorias 3, da etnia Mam, no municipio de Champerico, no departamento guatemalteco de Retaluleu.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, visitou estes días os traballos da segunda fase deste proxecto para o que a Xunta achegou un total de 125.000 euros, no marco da súa viaxe a Centroamérica para coñecer os resultados das achegas galegas ás actuacións a prol do desenvolvemento. Con esta iniciativa concreta, un total de 74 familias contarán cunha vivenda axeitada as necesidades para o seu desenvolvemento integral.

Esta iniciativa ten como finalidade prestar apoio ao proceso de autoconstrución de vivendas na comunidade Victorias 3, creada a partir da recuperación da “Nai Terra” despois dun largo proceso de organización e reivindicación liderado pola propia comunidade indíxena. Estas casas permiten ás familias, ademais do valor simbólico de arraigo á terra, mellorar as súas condicións de vida do núcleo familiar, nas relacións sociais e no nivel de emponderamento da comunidade para continuar con este proceso de desenvolvemento humano iniciado por eles mesmos baixo o lema “o rescate da cultura Maia e da terra é loitar pola vida e a paz”.

Este proxecto, enmarcado na Estratexia de Desenvolvemento Sostible deseñado pola Coordinadora Nacional Indíxena e Campesiña de Guatemala, ten unha visión integral do desenvolvemento porque conxuga a dimensión económica, a social, a cultural, a ambiental e a organizacional. Considéranse todas elas importantes e concíbese a interacción profunda para poder alcanzar un desenvolvemento verdadeiramente sostible que procure mellores condicións de vida para todos.

Mellora da seguridade e salubridade Dende o Goberno autonómico apoiouse esta iniciativa de Arquitectos sen Fronteiras de Galicia porque, precisamente, enténdese que mellora as condicións habitacionais da poboación e beneficiará tamén ao desenvolvemento humano da comunidade en xeral. A precariedade construtiva dos seus fogares repercute na seguridade e na saúde das persoas, constituíndo a principal causa das enfermidades que padecen. As autoridades sanitarias da rexión confirmaron casos de paludismo, dengue clásico e mal de chagas, provocados pola falta de hixiene e o hacinamento no que viven.

Formación da poboaciónA través desta acción conseguirase tamén a formación da poboación en materia construtiva. Realizarase un curso de formación de albaneis cunha atención académica especial, ao tempo que se capacitará en traballos xerais de construción a boa parte da poboación que participará na construción das vivendas, contribuíndo á difusión de habilidades que abren novas posibilidades de emprego á poboación.

Esta comunidade agraria aséntase na rexión costeira tropical do Pacífico Sur guatemalteco, no municipio de Champerico, en Retalhuleu, nunha zona de terras fértiles. Estes asentamentos están crecendo a ritmo acelerado, as fincas que agora ocupan estes asentamentos foron algodoneras traballadas ata o agotamento e devastadas de árbores. Dende 1999 a comunidade indíxena está tentando recuperar con pequenas hortas familiares e plantación de plátanos a actividade desta zona. A principal actividade produtiva da comunidade é a agricultura. As mulleres teñen, ademais, oficios propios como a artesanía do tecido, aínda que a falta de materiais obrigan a mermar esta actividade.

Catro proxectos en GuatemalaAdemais desta actuación na área de vivenda, a dirección xeral de Cooperación Exterior está a participar en Guatemala noutros tres proxectos de mellora de bibliotecas escolares rurais, mellora da calidade de atención obstétrica prestada por comadroas tradicionais no departamento de San Marcos e de construción dun centro de venda e distribución maiorista de pesca artesanal na Cidade de Guatemala.

A Xunta colabora no desenvolvemento socioeducativo das comunidades indíxenas do departamento de San Marcos mediante a formación dunha cultura da lectura e do autoaprendizaxe, a través do fomento das bibliotecas escolares rurais desta zona. Este plan prevé a constitución dunha comisión específica de lectura e biblioteca en cada centro educativo, a dotación de libros, mobiliario de resgardo e traballo e a formación de 120 docentes así como de pais de familia de cada centro escolar. Dotaranse un total de 20 centros educativos con bibliotecas para uso da comunidade educativa. As bibliotecas escolares contarán cun mínimo de 400 volumes. Para esta actuación, o Goberno galego achegou preto de 78.000 euros.