Novas de Cooperación Galega
13/03/2008
Xeral

GALICIA COOPERARÁ PARA O DESENVOLVEMENTO DE MÁIS DE 20.000 PERSOAS EN GUATEMALA

RETALHULEU (GUATEMALA), 13 DE MARZO DO 2008. Máis de 20.000 persoas de 18 comunidades indíxenas da costa Sur de Guatemala contarán coa Cooperación Galega nos vindeiros catro anos para desenvolver os seus servizos básicos de educación e saúde, infraestruturas de vivenda e saneamento, e iniciativas produtivas no eido da alimentación; segundo o acordo marco asinado hoxe pola directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, os concellos de Retalhuleu e Champerico, oito ONGD guatemaltecas e seis galegas, en Retalhuleu (Guatemala).Sotelo cualificou o acordo como “a iniciativa mais importante de cooperación para o desenvolvemento” promovida pola Xunta de Galicia neste ano 2008. Aínda que os orzamentos haberán de aprobarse ano tras ano, estímase un financiamento de seis millóns de euros para os catro anos que abrangue o programa.Diante das autoridades e representantes locais, Sotelo explicou que son os cidadáns galegos os que “cos seus impostos e vontade” apoian esta actuación, e que demandan que sirva “efectivamente” para mellorar as condicións de vida dos seus participantes. Na actualidade, a  dirección xeral de Cooperación Exterior está avaliando máis de oitenta proxectos de cooperación desenvolvidos nos últimos anos en nove dos dezasete países prioritarios.Segundo afirmou Fabiola Sotelo, o cumprimento desas expectativas pasa pola “participación activa de todos os sectores implicados”. Neste senso, o Programa de Desenvolvemento Integral Oxlajuj Tz'ikin, ou Día de Fortuna no Calendario Maya, garante a corresponsabilidade das autoridades locais e involucra na súa xestión a oito organizacións guatemaltecas: Asociación para la promoción y el desarrollo de la comunidad “CEIBA”; A.M.O.N. ONG; Coordinadora Nacional Indígena y Campesina (CONIC); Colectivo Poder y Desarrollo Local (CPDL); Asociación para la promoción y el desarrollo de la comunidad Fundación INCIDE; Asociación Pro Agua del Pueblo (ADP); Asociación Servicios Comunitarios de Salud  ASECSA; Proyecto de Desarrollo Santiago (PRODESSA). Do mesmo xeito, conta coa participación de seis ONGD galegas con representación en Guatemala e recoñecida solvencia: Arquitectos Sen Fronteiras (ASF), Solidariedade Internacional (SI), Médicos do Mundo (MDM), Farmacéuticos Mundi (FM), Educación Sen Fronteiras (ESF) e ACSUR Las Segovias.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, rematou a súa intervención en Retalhuleu lembrando a meta da Cooperación Galega: “Acadar que, verdadeiramente, o ser humano desenvolva as súas capacidades e faga efectivos os seus dereitos mais fundamentais”.