Novas de Cooperación Galega
08/01/2007
Xeral

GALICIA E A ORGANIZACIÓN DE ESTADOS IBEROAMERICANOS COLABORARÁN NUN INSTITUTO PARA O DESENVOLVEMENTO E A INNOVACIÓN EDUCATIVA NA REPÚBLICA DE ARXENTINA

 A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, anunciou a futura creación e posta en funcionamento dun instituto para o desenvolvemento e a innovación educativa na República de Arxentina en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI). Neste proxecto colaborarán ademais, segundo indicou Sánchez Piñón, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e o Ministerio de Educación de Arxentina. Así o destacou logo da xuntanza que a máxima responsable da Administración educativa autonómica mantivo co secretario xeral da OEI, Álvaro Marchesi; e o director xeral de Cooperación Técnica Concertada desta organización, Mariano Jabonero. Ao acto tamén asistiron a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo; e o secretario xeral da Administración educativa galega, Benito Fernández.

A titular do departamento educativo galego sinalou que a intención é “facer proxectos de colaboración a nivel educativo, pero tamén tendo en conta a cooperación internacional”. Así, indicou que “vai ser unha aposta pola participación clara das Comunidades Autónomas neste tipo de proxectos”, constituíndo pois “unha maneira de que estas teñan presenza no exterior”.

Laura Sánchez Piñón destacou que se trata dun proxecto “realmente interesante” a través do cal “se intercambiarán experiencias educativas” entre Arxentina e Galicia. A conselleira de Educación indicou que na xuntanza de hoxe se abordaron temas como o multilingüismo e a escola rural. Neste senso, Sánchez Piñón indicou que “Arxentina ten unha poboación diseminada onde a nosa experiencia podería ser de interese”.

Pola súa banda, o secretario xeral da OEI amosou a súa satisfacción ante a “sensibilidade e a actitude positiva da Xunta de Galicia en favor dun proxecto educativo en Arxentina”. Así, indicou que esta iniciativa tenta “crear unha rede de cooperación entre as escolas arxentina e galega”, de xeito que “os alumnos arxentinos coñezan cada vez máis a historia e realidade galegas”, e viceversa.

Marchesi indicou tamén que “este proxecto pretende atraer o apoio de concellos, empresas e entidades para crear un instituto que sexa referencia en Arxentina e en toda a rexión sudamericana”. Este proxecto educativo centraríase, segundo o secretario xeral da OEI, “na formación do profesorado, a alfabetización, a formación profesional e a educación en valores democráticos”.

A Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (EOI) é un organismo internacional de carácter gobernamental para a cooperación entre os países iberoamericanos no eido da educación, a ciencia, a tecnoloxía e a cultura no contexto do desenvolvemento integral, a democracia e a integración rexional.