Novas de Cooperación Galega
28/03/2022
Xeral

Galicia e outras 10 comunidades colaborarán coa AECID na atención ás persoas afectadas polo conflito en Ucraína e por outras crises humanitarias

  • O convenio está dotado cun total de 2,1M €, dos que a AECID achega 1,5M € e a Xunta e cada unha das demais comunidades asinantes unha contía de 50.000 €.
  • Do fondo de continxencia do acordo destinarase 400.000 euros a paliar a situación das persoas afectadas polo conflito en Ucraína.
  • Tamén se prestará asistencia a outras crises humanitarias en Afganistán, Siria ou nos campamentos de poboación saharauí refuxiada no Tinduf.

 

A Xunta súmase un ano máis ao convenio coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para a actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria, cun orzamento de 50.000 euros.

Galicia e outras 10 comunidades autónomas -Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias, Estremadura, Baleares, Madrid, e Castela e León- renovan este ano a colaboración coa AECID, que centrará nesta ocasión as súas actuacións en paliar a situación das persoas afectadas polo conflito en Ucraína.
De feito, decidiuse activar o fondo de continxencia do acordo para destinar 400.000 euros a dar resposta ao chamamento da Federación Internacional da Cruz Vermella en Ucraína co obxectivo de apoiar o seu traballo sobre o terreo no que se refire á prestación de asistencia aos millóns de persoas en situación de vulnerabilidade polo conflito.

A través deste convenio tamén se contribuirá a paliar outras crises humanitarias. Así, a AECID e as 11 comunidades asinantes do acordo, entre elas Galicia, colaborarán co Comité Internacional da Cruz Vermella na protección das persoas afectadas da violencia e o acceso a servizos esenciais en Afganistán; apoiarase o traballo de UNICEF na rehabilitación de escolas para garantir o acceso á educación básica en Siria, e axudarase a cubrir as necesidades básicas de alimentación nos campamentos de poboación saharauí refuxiada no Tinduf, en Arxelia, coa distribución de productos a máis de 130.000 persoas mediante o Programa Mundial de Alimentos (PMA).

A AECID achega este ano ao convenio 1,5M € -500.000 € máis que en 2021- e cada comunidade 50.000 € (agás A Rioxa que aporta 100.000 €), que permitirán poñer en marcha intervencións humanitarias e coordinar recursos co obxectivo de mellorar a axuda humanitaria española no exterior.

No ano 2015 asinouse por parte de Galicia, A Rioxa, Castela A Mancha, Illas Baleares, Estremadura e Madrid, o primeiro convenio para a programación conxunta da Acción Humanitaria, ao que se lle deu continuidade en 2018 cun novo convenio -prorrogado nos exercicios seguintes- para a coordinación da acción humanitaria asinado por Galicia, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Canarias, Baleares, Comunidade de Madrid, Castela León e a FEMP, ao que se adheriu posteriormente a Comunidade Autónoma de Estremadura.

A renovación anual do acordo dá continuidade precisamente á colaboración establecida no 2018 entre a AECID e a cooperación descentralizada para a execución de actuacións e proxectos en materia de acción humanitaria e de emerxencias en países con poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.