Novas de Cooperación Galega
02/03/2007
Xeral

GALICIA E PORTUGAL PARTICIPAN NUN ENCONTRO CO FIN DE ABRIR VÍAS DE COOPERACIÓN CONXUNTA PARA O DESENVOLVEMENTO DE MOZAMBIQUE

Todos os axentes de cooperación para o desenvolvemento de Galicia e Portugal están a participar esta fin de semana en Oleiros no Encontro Galego Portugués de Cooperación en Mozambique. “Promover un tecido galego portugués de cooperación” e “acadar compromisos concretos de actuacións integrais entre os actores dos distintos países”, son os obxectivos destas xornadas, segundo indicou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, que inaugurou esta mañá o encontro en Oleiros.

A responsable das políticas de cooperación para o desenvolvemento do goberno galego aludiu a importancia de abrir vías de colaboración entre os actores da axuda de Galicia e Portugal, xa que “só buscando a máxima colaboración entre axentes lograremos levar a cabo proxectos integrais que incidan no cambio das condicións de vida de países como Mozambique”. Sotelo referiuse a que a cooperación feita dende o goberno galego “quere aproveitar ao máximo as posibilidades que brinda a proximidade de cultura e lingua portuguesa, para operar directamente naqueles países de tradición lusófona”.

No acto estiveron presentes o Director Nacional de Acçăo Social do goberno de Mozambique, Álvaro Francisco, a Presidenta da Plataforma de ONGDS portuguesas, Sophie Robin, e o Director Xeral de Axuda en Acción, Rafael Beneyto, quen destacou que o país africano ten amosado que é “un pobo loitador que cando recibe apoios ten ideas para saír da situación de empobrecemento na que se encontra”. Asegurou que o éxito dos proxectos, tanto en Mozambique como en calquera outro país, está relacionado coa “implicación efectiva” tanto da poboación como dos gobernos locais.

670.000 euros para o desenvolvemento de MozambiqueNo 2006 , Mozambique foi o terceiro país ao que se dedicaron máis fondos de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, tras Perú e Ecuador. Ao país africano, considerado prioritario pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, destinouse case o 12% dos fondos do goberno galego para o desenvolvemento, é dicir arredor dos 670.000 euros. Así o destacou Fabiola Sotelo, quen anunciou que actualmente están en fase de identificación como de realización proxectos nos eidos da pesca artesanal, fortalecemento institucional, educación e saúde.

A  directora xeral salientou que neste ano estase a colaborar en Mozambique na construción e mellora de dous hospitais, no fortalecemento do sistema educativo mediante o financiamento de varias escolas, así como en proxectos de transferencia de tecnoloxía en materia pesqueira xunto coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI). Aludiu tamén a importancia do enfoque de xénero nun país como Mozambique “que debe estar presente en calquera dos proxectos de cooperación que se desenvolvan”. “A aposta polas mulleres, o seu empoderamento, a súa educación e o esforzo pola súa independencia, son cuestións esenciais para conseguir o avance de calquera sociedade”, remarcou Sotelo.

“A cooperación galega e portuguesa en Mozambique”O obxectivo destas xornadas organizadas por Axuda en Acción é crear espazos de colaboración entre os actores da cooperación participantes, mediante a posta en común das actividades nas que traballa cada un deles en Mozambique. No encontro cada unha das organizacións explicará cal é o seu ámbito de actuación, e posteriormente realizarase unha reflexión en conxunto mediante obradoiros, que afondarán en temas como o desenvolvemento rural e pesqueiro, a saúde ou a educación.

En concreto, durante a xornada de hoxe abordaranse temas como o futuro da cooperación galega en Mozambique, o alcance da cooperación portuguesa no país africano ou as posibilidades da cooperación descentralizada. Na xornada de mañá as organizacións participantes exporán as conclusións dos obradoiros e as posibles liñas de traballo conxunto creadas trala xornada de hoxe.

A ONGD organizadora, Axuda en Acción, traballa dende fai máis de 25 anos xunto ás comunidades máis desfavorecidas. Contan con 190.000 colaboradores  e traballan en 108 proxectos de desenvolvemento en todo o mundo, tendo como beneficiarios a máis de tres millóns de persoas.