Novas de Cooperación Galega
05/06/2018
Xeral

Galicia representa ao Comité Europeo das Rexións nas xornadas europeas de desenvolvemento

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acudiu ás Xornadas Europeas de Desenvolvemento en nome do CdR
  • Na súa XIII edición o evento céntrase na temática de xénero no ámbito do desenvolvemento
  • Galicia, que aposta polo empoderamento das mulleres a través dos seus proxectos de cooperación internacional, recollerá ideas para seguir mellorando o impacto e resultados das súas intervencións

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asiste en representación do Comité Europeo das Rexións ás Xornadas Europeas de Desenvolvemento. Baixo a temática “Mulleres e nenas á vangarda do desenvolvemento sostible”, o evento trata como temáticas principais a igualdade de xénero e o empoderamento e participación de mulleres e nenas como parte esencial para acadar o desenvolvemento sostible.

Á sesión inaugural da Xornadas asistiron a Súa Maxestade a Raíña Letizia, o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, a vicesecretaria xeral da ONU, Amina Mohammed, e a directora executiva de ONU Mulleres, Phumzile Mlambo- Ngcuka. Tamén abriron o foro o presidente de Liberia, George Weah, o de Ruanda, Paul Kagamé, a de Malta, Marie-Louise Coleiro, e a primeira ministra de Noruega, Erna Solberg, entre outros.

Galicia, representada a través de Gamallo, aproveitará a súa participación neste evento para recoller ideas e boas prácticas que poder incorporar ás súas liñas de actuación. A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso coa implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polas Nacións Unidas na Axenda 2030 e tamén con asuntos de xénero que queda recollido no IV Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2018-2021 nun dos cinco ámbitos estratéxicos sobre os que se concentrarán as actuacións de cooperación ao longo do período que abrangue o Plan. Dito ámbito denomínase “Impulsar a equidade de xénero e o empoderamento e o exercicio de dereitos das mulleres e da infancia”. Igualmente, a equidade de xénero recóllese no IV Plan director como unha prioridade transversal o que implica que en todas as actuacións e instrumentos da cooperación galega deberá incorporarse de forma sistemática a perspectiva de xénero en desenvolvemento, para a promoción dunha cultura de igualdade e o cumprimento dos dereitos políticos, económicos, laborais, sociais e culturais das mulleres e nenas, así como dos seus dereitos sexuais e reprodutivos.

Guatemala, O Salvador, Mozambique, República Dominicana ou Nicaragua son algúns dos países nos que actualmente se desenvolven proxectos de cara mellorar a saúde sexual e reprodutiva das mulleres ou poñer fin á violencia de xénero mediante a formación vocacional e técnica ou o fortalecemento da intervención público-comunitaria das mulleres.

O IV Plan director da cooperación galega 2014-2012 xa foi aprobado polo Consello Galego de Cooperación e polo Consello da Xunta de Galicia, atopándose neste momento no Parlamento de Galicia á espera da súa aprobación definitiva.

 

Primeiro aniversario do Consenso Europeo sobre Desenvolvemento

Esta é a segunda ocasión na que Galicia representa ao Comité Europeo das Rexións nas Xornadas Europeas de Desenvolvemento. Na pasada edición, Jesús Gamallo foi partícipe da cerimonia de firma Consenso Europeo sobre Desenvolvemento, que agora cumpre un ano, en calidade de relator do Comité Europeo das Rexións sobre a temática.

O texto de Galicia sobre cooperación aprobado en febreiro de 2017 no CdR incidía na relevancia do papel que poden desempeñar os gobernos locais e rexionais no logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), debido á súa proximidade cos problemas reais. Doutra banda, a proposta galega pedía potenciar a coordinación e a coherencia entre a política de desenvolvemento e outras políticas comunitarias, como a axuda humanitaria ou a agricultura.

 

EDD 2018

As Xornadas Europeas do Desenvolvemento lanzáronse no ano 2006 como unha forma de reunir á comunidade internacional do desenvolvemento e debater o camiño a seguir para erradicar a pobreza.Organizados pola Comisión Europea, os EDD convertéronse nun forte punto de referencia para a comunidade internacional do desenvolvemento de cara a compartir ideas e experiencias que inspiren solucións innovadoras e novas alianzas para enfrontar os desafíos máis urxentes do mundo.