Novas de Cooperación Galega
18/11/2006
Xeral

GALICIA TRABALLA ESTE ANO EN 11 PROXECTOS DE COOPERACIÓN PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE VIDA DOS NENOS DO TERCEIRO MUNDO

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, está a colaborar este ano nun total de 11 proxectos para mellorar as condicións de vida dos nenos do terceiro mundo. Mañá celébrase o Día Internacional do Neno, establecido pola ONU para que todos os países do mundo velen polo benestar dos nenos e traballen para conseguilo.

O Goberno galego asume plenamente este obxectivo, converténdoo nunha das liñas prioritarias de actuación nas súas accións de cooperación internacional. En 2006, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior achegará máis de 720.000 euros para financiar diversas actuacións que se levarán a cabo en colaboración con ONG´s para o desenvolvemento e institucións co gallo de contribuír á mellora da situación da infancia nos países empobrecidos.

Educación en Bolivia A solidariedade galega estará presente, deste xeito, na construcción de vivendas e na dotación de suministros para a cociña do Centro de Educación Integral Santa Lucía de Yocalla, en Bolivia. Este internado, que acolle a 500 nenos de escasos recursos das localidades bolivianas de Santa Lucía, Yocalla e Potosí, ten como finalidade potenciar o desenvolvemento físico, intelectual e social destes rapaces, todos menores de 17 anos. Este proxecto, executado pola Asociación pola Paz e o Desenvolvemento, contará cunha achega de 113.844 euros por parte da Xunta.

Tamén en Bolivia, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior traballará coa Fundación Olof Palme para a creación dun centro de reinserción para menores e adolescentes infractores da lei. Trátase de construír e poñer en funcionamento un centro de formación alternativa para mozos que consiga a súa rehabilitación e reinserción social. Deste xeito, ademais da construcción e dotación do centro, elaborarase un modelo educativo segundo tres estratexias pedagóxicas distintas e en coordinación coas institucións públicas e privadas co afán de incidir, ao mesmo tempo, nas políticas sociais do país. Así mesmo, deseñaranse cursos especializados para a capacitación permanente dos profesores e se impulsarán campañas de difusión pública de materiais relativos á cultura do bo trato e para facilitar o achegamento da sociedade aos centros de reinserción. Estas actuacións contarán cunha subvención de 140.000 euros.

Nenos traballadores en Nicaragua Coa finalidade de achegar unha educación integral, formación técnica e ocupacional para mozos de escasos recursos e nenos traballadores do departamento de Chinandega e Managua (Nicaragua), o Goberno galego financiará este ano obras de construcción e equipamento de catro colexios que a asociación Fe y Alegría ten en Somotillo, Ciudad Sandino e Bello Amanecer. Para a creación e rehabilitación da infraestructura necesaria, así como da dotación de ordenadores para as aulas de informática, a Xunta de Galicia achegará 170.000 euros.

Mentres, en Perú, a Administración autonómica galega contribuirá á creación do centro Santa Rafaela María de Chota, que servirá para escolarizar e formar a 400 nenos en idade escolar da cidade de Chota e os seus alrededores. Na actualidade, este núcleo de poboación carece das infraestructuras e servizos educativos e formativos necesarios e por iso a Federación Española de Relixiosos de Ensinanza porá en marcha este proxecto, para o que o Goberno galego achega un total de 78.000 euros.

Dúas actuacións levaranse a cabo en 2006 en Ecuador coa achega da solidariedade galega. Por unha banda, a través dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, se rehabilitará e ampliará unha casa de campo para nenos e nenas fillos de pais privados da liberdade. Neste centro os menores contarán cos coidados dun equipo interdisciplinar de educadores e animadores socioculturais. Procurarase xerar o ambiente propicio para construír un referente familiar capaz de animar o desenvolvemento de potencialidades na nenez.

Así mesmo, a Fundación Tierra de Hombres promoverá as boas prácticas para unha vida saudable e traballará para establecer unha rede de axentes que velen pola boa atención sanitaria dos máis pequenos en Santo Domingo de los Colorados (Ecuador). En total, a Xunta destinará 152.470 euros para mellorar a situación dos nenos ecuatorianos.

Sensibilización en GaliciaAdemais das accións que se están a financiar no terceiro mundo, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a promover e colaborar en campañas de sensibilización para achegar á sociedade galega a situación na que se atopan moitos menores en Latinoamérica e África. Para isto, este ano está a financiar con preto de 70.000 euros cinco proxectos diferentes desenvolvidos por ONG´s para difundir os valores da solidariedade, o desenvolvemento sostible, a paz, o respecto, a tolerancia e a igualdade.A Asociación Bicis pola Paz é unha delas. Coas súas 320 sesións de Contos Solidarios en centros escolares do medio rural galego están a difundir os problemas e as causas das desigualdades sociais, a fame, a guerra e as inxustizas sociais ás que se ven sometidos nenos de todo o mundo.

Tamén Mans Unidas está a traballar nos centros educativos galegos para concienciar á poboación galega (alumnos, profesores, pais e comunidade educativa en xeral) da necesidade de actuar para acadar unha educación primaria universal, que conceda a todos os nenos os mesmos dereitos para o seu futuro.

A campaña Meniños facendo familias, algo grande dende os máis pequenos achegará a 3.000 nenos de 70 colexios galegos os dereitos da infancia. Tamén a campaña de Médicos do Mundo O xogo do sexo... denuncia a explotación sexual infantil no Salvador e reclama o cumprimento dos Dereitos Humanos e dos nenos en todo o mundo.

Día Internacional do NenoA Asemblea Xeral da ONU recomendou en 1945, a través da 836(IX) que todos os países instituíran o Día Internacional do Neno, para dedicar esta data á compresión dos rapaces de todo o mundo e promover actividades para o seu benestar. A data elixida marca a data na que Asemblea aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno en 1959 e a Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989.

No mes de setembro de 2000, durante o Cumio do Milenio, os líderes mundiais elaboraron os oito obxectivos de desenvolvemento do Milenio (ODM), que apostan pola redución á metade da pobreza extrema ata a detención da propagación do VIH/SIDA e a consecución da ensinanza primaria universal para o ano 2015. Aínda que os Obxectivos do Milenio están dirixidos á humanidade no seu conxunto, refírense especialmente á infancia.