Novas de Cooperación Galega
15/04/2006
Xeral

HERNÁN ZIN ANALIZARÁ EN SANTIAGO AS CLAVES DUN XORNALISMO RESPONSABLE E COMPROMETIDO COA ERRADICACIÓN DA POBREZA

O xornalista especializado en temas de axuda ao desenvolvemento e terceiro mundo Hernán Zin analizará en Santiago a vindeira semana as claves dunha comunicación responsable e comprometida coa erradicación da pobreza. O xoves participará coa ponencia Divulgar a cooperación e o desenvolvemento nas I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social organizadas pola Xunta de Galicia.

Este escritor arxentino que defende “un xornalismo orientado a dar voz aos marxinados, aos excluidos e aos que se atopan no derradeiro chanzo da escala social mundial” tamén dirixirá un obradoiro de comunicación para formar aos membros das ONGD´s, estudantes e traballadores dos medios informativos na transmisión eficaz e respectuosa das noticias sobre terceiro mundo.

Este é, precisamente, un dos principais obxectivos deste encontro promovido polo Club de Prensa de Gailcia e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Trátase de crear un espazo de econtro, diálogo e reflexión ao redor das características das informacións sobre subdesenvolvemento e pobreza. Dende o martes 18 ao venres 21 daranse cita na Facultade de Ciencias da Información preto dunha veintena de especialistas en acción a prol da cooperación ao desenvolvemento e comunicación para debatir a situación actual das relacións entre estes dous colectivos e a súa transcendencia á sociedade en xeral.

Mellorar a divulgación do traballo das ONGD´s Hernán Zin centrará as súas intervencións nas accións que tanto ONGD´s e xornalistas deberán adoptar para divulgar mellor os proxectos e filosofía das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento. Para isto é fundamental mellorar o seu contacto cos medios de comunicación e, a través deles, coa sociedade toda.

A traxectoria do comunicador arxentino non descansa só no seu traballo xonalístico sobre as inxustizas sociais do mundo subdesenvolvido, Zin falará tamén como progagonista en intervencións sociais. O seu traballo está enfocado á acción social e á denuncia das graves desigualdades e situación de extrema pobreza na que viven moitos cidadáns do mundo, facendo especial fincapé no relativo á nenez.

Hernán Zin propón unha sensibilización dende os medios de comunicación, posto que considera que son estes quen contan coas ferramentas para expandir a realiade dos máis desfavorecidos. Nos seus textos e intervencións púbicas, este licenciado en Relacións Internacionais, fai un chamamento para que tanto os xornalistas como os lectores e espectadores adopten unha postura comprometida.

Ao longo destes trece anos nos que leva exercendo a profesión xornalística, tamén ten escrito tres libros e dirixido documentais sobre os problemas sociais que castigan a numerosos países de Asia, África e América Latina. Así mesmo, foi implusor de diversas iniciativas como o Calendario Solidario, dedicado aos nenos para chamar a atención a unha sociedade que tende a retirar a vista ás situacións da pobreza e non se detén a relfexionar sobre o que sucede ao seu redor.

Tres librosNo seu primeiro libro “Un voluntario en Calcuta” Zin marra as súas vivencias cando, sendo correspondente dun xornal arxentino, foi enviado a Calcuta para entrevistar á Madre Teresa. Foi alí onde a súa vida e o seu traballo deron un xiro radical, e se quedou traballando para modificar a situación dese mundo que el mesmo describe como “terrible e marabilloso”

En “Helados y patatas fritas” denuncia o trafico sexual infantil en Camboia. Para elaborar esta investigación percorreu a cidade, introduciuse no mundo da pederastia e descobriu aos membros das bandas deste escabroso negocio. Recibiu varias ameazas de morte no transcurso destas investigacións, sen embargo, conseguiu facerse coas testemuñas dalgunhas víctimas desta explotación, dalgúns pederastas e con documentos audiovisuais que contribuíron ao desenvolvemento de investigacións policiais.

“A liberdade do compromiso” é o útlimo título que publicou Hernán Zin. Nel expón a historia de sete persoas que un día deixaron todas as súas comodidades na sociedade occidental desenvolvida para dedicarse á labor social, volcarse cos que máis o necesitan e facer posible a construcción dun mundo mellor.