Novas de Cooperación Galega
19/04/2006
Xeral

HERNÁN ZIN RECLAMA MÁIS ESPAZOS PARA CONTIDOS SOCIAIS NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN PORQUE SON “NECESARIOS PARA A CIDADANÍA”

O xornalista arxentino e licenciado en Relacións Internacionais, Hernán Zin, fixo un chamamento aos medios informativos para abrir espazos con contidos sociais porque son necesarios para a cidadanía. Fixo estas declaracións no marco das I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social. A súa exposición estivo centrada nas súas diversas viaxes por países de África e Latinoamérica presentando as consecuencias da pobreza a través de imaxes impactantes. “Hai que ter este tipo de contidos nos medios para así deixar atrás o individualismo e o consumismo no que estamos sumidos”, sinalou.

Zin falou da definición do “xornalismo social”, o que desafía como “xornalista para reflexionar e saír da voráxine na que vivimos para transmitir realidades, non dende unha ollada dramática, senón dende o fondo da verdade como noticia e como persoa, buscando aquel detalle que di todo”. Dixo que os xornalistas especializados neste tipo de temas están “dispersos polo mundo polo que hai a necesidade de xuntar forzas para traballar en conxunto pois só deste xeito poderase acadar un verdadeiro tratamento dos contidos sociais”.

Responsabilidade social do xornalistaO xornalista plantexou a cuestión de qué facer para achegar as historias sociais á cidadanía, a través dos medios. Ante isto, explicou “a necesidade de intercambiar ideas e historias e darlles unha transformación para non convertelas en meras repeticións sen dinamismo no que sempre participan as mesmas personaxes transmitindo textos que xa non sensibilizan a ninguén”.

Falou das consecuencias da globalización á que cualificou de “marabillosa” pero tamén “principal responsable de tódolos males que asolan o mundo actual, tales como a pobreza, o comercio inxusto nos países non desenvolvidos e as grandes diferenzas sociais”. “Hai que facela sa e positiva, e transformar o individualismo da soidade e o egoísmo en ferramentas de axuda para loitar contra as inxustizas e diferencias do mundo”.

Destacou que o desafío do xornalista social é “disfrutar da tarefa que realiza, vibrar coas historias, sumirse nunha viaxe de aventuras e contar feitos reais dun xeito intelixente e sen subestimar ao público”.

“Hai que atopar un camiño xornalístico para dar caña pero con certo respecto polas persoas, pola súa dignidade e conseguir comunicar a pobreza e a guerra ao mundo”, salientou.

Tres niveis de comunicaciónHernán Zin falou de tres niveis de comunicación. O primeiro deles é o referido ás estatísticas que “parece obxectivo e que é moi empregado polos informativos actuais e que só fala de números, representado a realidade dun xeito distante, afastado e frío”. En segundo lugar, explicitou os relatos en primeira persoa –un método moi empregado por el- no que o lector “tende a involucrase coa noticia, é protagonista e empatiza coa xente do relato”. E no terceiro nivel salientou os relatos a través das súas solucións, os cales conteñen “as testemuñas dos protagonistas que viven en distintos puntos do planeta”, como tamén daqueles que “decidiron deixar de ser testemuñas mudas e cambiaron as súas vidas para facer deste un mundo mellor. Neste caso a prensa serve “como gancho para avanzar na formación dunha sociedade máis xusta”. Hernán Zin é Licenciado en Relacións Internacionais. Leva trece anos exercendo o xornalismo e traballando nunha vintena de países de América Latina, Asia e África, para tratar de dar voz ós que non a teñen, loitando polos dereitos dos colectivos máis desfavorecidos. Ten publicado reportaxes en La Nación, El Cronista, El Mundo, La Razón, Interviú, AR, Letras Libres e Siete Leguas. Escribiu e dirixiu documentais para El Mundo TV e TVE. Edita cada ano o Calendario Solidario, co que intenta sensibilizar sobre a situación da infancia no mundo. Publica cada domingo en La Voz de Galicia a serie de artigos “Xente que cambia o mundo”. E é autor dos libros “Un voluntario en Calcuta” (Temas de hoy), “Helado y patatas fritas” (Plaza y Janés) e “La libertad del compromiso” (Plaza y Janés).