HOXE CELÉBRASE POR PRIMEIRA VEZ O DÍA DO COOPERANTE, PARA RECOÑECER O TRABALLO DOS QUE "LOITAN POR UN MUNDO MÁIS HUMANO"
Hoxe celébrase por primeira vez en España o Día do Cooperante. Esta conmemoración foi establecida polo Goberno central o pasado 28 de abril para “facer obxecto de recoñecemento público aos profesionais que traballan na cooperación para o desenvolvemento e que loitan todos os días por construír un mundo máis humano”.
Nun acordo adoptado no Consello de Ministros do Goberno español, coincidindo coa aprobación do texto do Estatuto do Cooperante, establécese que a figura do cooperante representa un elemento fundamental da axuda ao desenvolvemento que España presta aos países en desenvolvemento e destaca a “loita tenaz e desinteresada dos cooperantes contra a pobreza e a fame que padecen amplos sectores da humanidade”.
Esta data é significativa ademais porque o 8 de setembro de 2000 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou, na súa oitava sesión plenaria, a Declaración do Milenio, establecendo oito obxectivos principais de actuación inmediata e para situala como base dun “mundo máis pacífico, máis próspero e máis xusto”.Coa instauración deste día preténdese manifestar “a gratitude da sociedade cara a estas persoas, así como difundir e promover o labor que realizan e os valores que representan”.
Celebración en Galicia A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, súmase a esta primeira celebración coa organización dun encontro con representantes das organizacións non gobernamentais e entidades implicadas en accións solidarias para render homenaxe tamén no ámbito galego a este colectivo.
O encontro terá lugar en Santiago e contará coa participación da directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, a directora xeral de Cooperación con Iberoamérica da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), Aurora Díaz-Rato Revuelta, así como de tres cooperantes galegos (Isolina Sánchez Andrade –cooperante do PNUD en Santo Tomé e Príncipe-, Carlos Sánchez Pardo –xefe de misión de Solidariedade Internacional en Guatemala- e Víctor Vázquez –Enxeñería sen Fronteiras no Salvador-), que compartirán as súas experiencias cos asistentes.