INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE SENSIBILIZACIÓN DA COOPERACIÓN GALEGA
A directora Xeral de Cooperación Exterior Fabiola Sotelo destacou hoxe durante a inauguración da campaña de sensibilización que o seu departamento está a levar a cabo, que Galicia está a interiorizar a responsabilidade que como pobo desenvolvido ten sobre os países máis desfavorecidos. Sotelo, quixo recordar tamén que esta campaña levará unha exposición itinerante a cinco cidades galegas e que terá unha duración dun mes.
Estas declaracións tiveron lugar durante a presentación nos Xardíns Méndez Núñez da mostra que permanecerá aberta ata o luns e que pretende achegar á poboación a situación dos países máis empobrecidos do mundo.
Durante a mesma, a Directora Xeral de Cooperación Exterior recorreu a exposición, comentou os paneis informativos e recordou que o seu departamento se creou como resposta ás esixencias da sociedade civil, e que hai que aproveitar a circunstancia de ser a primeira xeración que conta cos recursos suficientes para acabar coa pobreza.
Sotelo fixo referencia tamén ás prioridades sectoriais polas que se rexe o seu departamento, e salientou a educación como principal instrumento para acadar con éxito as metas do desenvolvemento, a igualdade entre homes e mulleres como compromiso para mellorar a calidade de vida, a transferencia de coñecementos e tecnoloxías para fortalecer o tecido económico, o fortalecemento da sociedade civil e a saúde.
Para finalizar, a directora xeral salientou a importancia de que a cidadanía galega coñeza os criterios que se empregan para a xestión de recursos, os lugares nos que se coopera e en que consiste esa cooperación para poder seguir traballando polo Dereito ao Desenvolvemento.