Novas de Cooperación Galega
28/11/2007
Xeral

INAUGURACIÓN DAS IV XORNADAS ANUAIS DE COOPERACIÓN DO FONDO GALEGO

A subdirectora xeral de cooperación exterior, Carlota Román, participou hoxe na inauguración das IV Xornadas Anuais de Cooperación organizadas polo Fondo Galego e as que tamén asistiron Mar Martín, concelleira de Santiago, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo.

Román sinalou que o I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 recolle como un dos seus obxectivos específicos o fomento das iniciativas conxuntas coa cooperación local e co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, habilitando mecanismos de apoio e promoción do compromiso dos poderes locais galegos coa sensibilización da pobreza e as súas causas.

Nestas xornadas, nas que cada ano participan os principais axentes da cooperación galega e aqueles sectores políticos e sociais máis implicados, a subdirectora xeral quixo incidir en que a cooperación “ten que transformar as realidades inxustas na procura dunha globalización, na que a dignidade e o respecto polos dereitos humanos sexa a norma”.