Novas de Cooperación Galega
02/10/2007
Xeral

INAUGURACIÓN DO CURSO DA UNIVERSIDAD INTERNACIONAL MENÉNDEZ PELAYO SOBRE POLÍTICAS DE COOPERACIÓN

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, inaugurou esta mañá o curso organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) sobre Políticas de Cooperación ao Desenvolvemento

Sotelo destacou na súa intervención o grande esforzo que de xeito incipiente, se está a facer na coordinación e na procura de sinerxías entre a cooperación desenvolvida polas autonomías e a desenvolvida polo estado 

No acto participaron tamén a Decana da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, Nieves Lagares; e o Director da UIMP en Galicia Xosé Luís Barreiro. Ao longo destes cursos, que terán unha duración de tres días, intervirán representantes de diferentes departamentos de cooperación de outras comunidades autónomas, como Cataluña, País Vasco e Andalucía. 

A Directora Xeral engadiu neste marco, e aproveitando o momento expansivo que a cooperación para o desenvolvemento está a vivir en España e en case que todas as autonomías, que todos deben “facer o exercicio de mirar atrás e tomar nota das leccións aprendidas por moitas cooperacións europeas, estatais ou rexionais”. 

Ademais cóntase coa participación de figuras tan recoñecidas como Ignacio Soleto Martín, da Fundación Carolina; Rafael Grasa Hernández, Profesor de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade Autónoma de Barcelona; e Tshimpanga Matala Kabungo, da Universidade de Lubumbashi-Congo.