Novas de Cooperación Galega
12/04/2006
Xeral

JAVIER BERNABÉ ANALIZARÁ NUNHA CONFERENCIA EN SANTIAGO A INFORMACIÓN E A DESINFORMACIÓN NA COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO

O xornalista e especialista en información internacional e países do Sur, Javier Bernabé Fraguas, analizará nunha conferencia en Santiago a Información e a desinformación na cooperación ao desenvolvemento. Bernabé participará o vindeiro venres nas I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social organizadas pola Xunta de Galicia.

A súa exposición fará especial fincapé nos medios audiovisuais, nos que o xornalista ten práctica profesional. Bernabé integra o grupo de analistas internacionais de Televisión Española, e se encarga, sobre todo, das temáticas relativas a América Latina.

Javier Bernabé ten experiencia consolidada no ámbito da cooperación ao desenvolvemento. É director do Título de Especialista en información internacional e Países do Sur na Universidade Complutense de Madrid dende 1995 e é presidente do Instituto de Xornalismo Preventivo e Análise Internacional (APPAI).

Foi o impulsor do I Congreso Iberoamericano de Xornalismo Preventivo que se celebrou en San Xosé de Costa Rica en novembro de 2004, e está a organizar o II Congreso Iberoamericano de Xornalismo Preventivo que terá lugar en Madrid en maio de 2006.

Experiencia no terreo Ademais, traballou como cooperante e xornalista en 16 países de América Latina con diversas entidades e organismos internacionais dende 1992. Tamén foi observador de tres procesos electorais nesa mesma rexión para a Unión Europea e autor de numerosos artigos xornalísticos e de investigación académica.