Novas de Cooperación Galega
13/06/2007
Xeral

LEIRE PAJÍN GABA O “SALTO CUANTITATIVO E CUALITATIVO” DAS POLÍTICAS DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO REALIZADAS POLO GOBERNO GALEGO

A Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Leire Pajín, gabou o “salto cuantitativo e cualitativo”  das políticas de cooperación para o desenvolvemento realizadas polo Goberno galego. Pajín referiuse ao crecente peso que a cooperación galega está a acadar, “o que se reflicte nunha maior participación en comisión mixtas de cooperación a nivel internacional e na complementariedade que aporta Galicia coa axuda no terreo”.  A Secretaria de Estado participou esta tarde no acto de clausura da oitava edición do Máster en Xestión da Cooperación Internacional e das ONGDs da Universidade de Santiago de Compostela, no que participaron o Rector de dita universidade, Senén Barro, e a decana da Facultade de Ciencias Políticas,  Nieves Lagares, quen aludiu ás crecentes necesidades de persoal cualificado no ámbito da cooperación, e ao importante papel que teñen as universidades neste senso como “espazo de profesionalización”.

Asimesmo, o Rector da Universidade de Santiago, Senén Barro, incidiu na “importante aposta pola calidade” que a universidade realiza a través deste tipo de estudos, resaltando que “máis do 80% dos estudantes do máster de cooperación atópanse na actualidade traballando neste terreo”.

Labor das universidadesPajín considerou “imprescindible” o traballo das universidades de cara á profesionalización do mundo da cooperación para o desenvolvemento. “Aínda que a cooperación ten un importante compoñente voluntarista, non debemos esquecer que o carácter multifactorial do traballo en cooperación esixe unha elevada profesionalización”. Tamén se referiu ao importante labor das universidades na sensibilización “dunha sociedade que non debe conformarse co mundo que lle tocou vivir”, remarcou Pajín. “As universidades non só forman, senón que son axentes propiamente ditos de cooperación, realizando proxectos nos que Norte e Sur intercambian experiencias e coñecementos”.

Calidade e coherencia, puntos clave da cooperaciónA Secretaria de Estado referiuse a que os resultados da cooperación deben marcarse a “medio e a longo prazo”, debido á complexidade dos problemas cos que debe loitar a cooperación internacional. Asimesmo incidiu na necesidade de que as organizacións non gubernamentais sexan “institucións que perduren e resistan, coa capacidade técnica suficiente para reflectir a inmensa labor social que realizan”.

Dentro dos puntos clave da cooperación internacional, considerou a coherencia como o obxectivo máis difícil de acadar xa que “entra en contradición co noso propio mundo”. Neste senso resaltou a importancia de que os países desenvolvidos loiten para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, fixados pola ONU para 2015, “porque a cidadanía así o esixe, presionando para que estes temas teñan cada vez máis importancia na axenda política”.

Por outra banda manifestou o compromiso do Goberno central coas políticas de cooperación para o desenvolvemento, considerando un “avance moi importante” que en dous anos o orzamento en cooperación acadase os catro mil millóns de euros