Novas de Cooperación Galega
08/02/2007
Xeral

MÁIS DE 2000 ESCOLARES PARTICIPAN NA CAMPAÑA “IGUAIS NO 2015” CENTRADA NA PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE OS XÉNEROS

Máis de 2.000 escolares  galegos están a participar na campaña “Iguais no 2015”  que pretende dar a coñecer e  ao alumnado da ESO e o Bacharelato o terceiro Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio: a promoción da igualdade de xénero e a autonomía da muller. O proxecto, organizado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia e Solidariedade Galega coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior,  quere sensibilizar aos mozos e mozas galegos sobre a necesidade de acadar unha igualdade efectiva entre os xéneros, tanto na nosa sociedade como nos países do Sur.

No acto de presentación da campaña, que se realizou está mañá en Santiago, estivo presente a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, quen salientou a necesidade de concienciar aos máis novos sobre a necesidade de acadar a equidade de xénero no mundo, resaltando a oportunidade que a través destes programas se lles da aos rapaces de coñecer problemas comúns que afectan tanto aos países do Norte como aos do Sur, aínda que nestes últimos con especial incidencia.

 Tamén participou na presentación Ana María Rodríguez, representante da asociación de mulleres indíxenas guatemaltecas “Madre Tierra”, que colabora nun proxecto para a erradicación de violencia de xénero no país centroamericano, no que colaboran tanto Solidariedade Internacional Galicia como a Dirección Xeral  de Cooperación Exterior.

“Xornal pola  Igualdade”A responsable das políticas de cooperación para o desenvolvemento do goberno galego participou xunto aos alumnos do IES Guitiriz na entrega do “Xornal pola Igualdade”, unha iniciativa enmarcada nesta campaña e que foi realizada coa colaboración de 2.000 alumnos pertencentes a vinte I.E.S. das catro provincias galegas.

 O xornal, elaborado a través de talleres e obradoiros levados a cabo nos propios institutos por monitores de Solidariedade Internacional Galicia e Solidariedade Galega, reflicte as valoracións das mozas e mozos galegos sobre temas como a discriminación por razón de xénero ou a violencia doméstica, ademais de diversos estudos elaborados por elas como a desigualdade de xénero na publicidade.

Ademais dos artigos realizados polos alumnos, o xornal conta con enquisas e pasatempos cos que os rapaces poden valorar os coñecementos adquiridos trala participación nas actividades do programa “Iguais no 2015”.

“Iguais no 2015”A campaña “Iguais no 2015”  organizada por Solidariedade Internacional Galicia e Solidariedade Galega ten como obxectivo que os estudantes de ESO e Bacharelato de Galicia coñezan a importancia do terceiro obxectivo de Desenvolvemento do Milenio : promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller. Preténdese promover que as rapazas e rapaces galegos sexan conscientes  da problemática da desigualdade de xénero, particularmente nos países en vías de desenvolvemento.

Para isto as organizacións implicadas neste proxecto están a desenvolver diversas accións, que contan para a súa realización cunha subvención da Dirección Xeral de Cooperación Exterior de 28.000 euros. A realización por parte dos alumnos de programas de radio na emisora Radio Voz, a organización de charlas con mulleres membros de asociacións que promovan a defensa dos Dereitos Humanos ou a edición dunha unidade didáctica sobre o tema, son algunhas das propostas desta campaña.