MÁIS DE 600 GALEGAS E GALEGOS TRABALLAN POLO DESENVOLVEMENTO EN LATINOAMÉRICA, ÁFRICA E ASIA
Máis de 600 galegas e galegos traballan cooperando en preto de 70 países de América, África e Asia, das que o 93% son relixiosas e relixiosos, segundo os datos do primeiro censo elaborado en Galicia pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Estes datos, revelan tamén a consolidación dunha tendencia que se veu desenvolvendo dende hai anos, como é a predominancia de mulleres neste tipo de tarefas.
Latinoamérica constitúe o principal destino deste colectivo, xa que máis dun 82% desenvolven o seu labor en América do Sur e Central, un 15% en África e o 2% restante en Asia. En canto a súa distribución por países, Venezuela, Brasil e Perú concentran o maior número de galegas e galegos que participan en proxectos no exterior.
Con motivo da celebración do Día do Cooperante, instituído no ano 2006, a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, defendeu a necesidade de facer un recoñecemento social e institucional deste colectivo e destacou o “grande esforzo que está a realizar para mellorar o acceso á educación, á sanidade e aos servizos básicos das comunidades máis empobrecidas”. Ademais, incidiu no labor fundamental que están a desenvolver a poboación cooperante e misioneira, que, en moitas ocasións, levan a cabo o seu traballo en países en conflito o en situacións moi difíciles.
Así mesmo, o departamento que dirixe Fabiola Sotelo duplicou no último ano o número de bolsas de formación, tanto para traballar nas Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e na Dirección Xeral de Cooperación Exterior como en proxectos sobre o terreo.
O obxectivo é continuar aumentando a cifra de bolseiras e bolseiros co fin de que, a partir do vindeiro ano, podan empezar a colaborar tamén con organismos de carácter internacional. A Dirección Xeral de Cooperación Exterior defende tamén a necesidade de seguir avanzando na profesionalización do sector en Galicia, mediante a contratación de cooperantes tanto para traballar nos principais países onde está presente como para o desenvolvemento de proxectos que xestiona directamente a Administración galega.
RelixiososO primeiro censo elaborado en Galicia evidencia ademais o papel esencial das misioneiras e misioneiros no ámbito da cooperación, xa que contan cunha elevada presenza en todo o mundo, así como unha ampla experiencia na loita contra a pobreza. Así, das máis 600 galegas e galegos que levan a cabo este tipo de tarefas, un total de 576 son relixiosas e relixiosos, das que 98 pertencen a Diocese de Lugo, 66 á de Vigo, 223 á da Ourense, 143 á de Santiago e 46 a de Mondoñedo-Ferrol.