MIGUEL ROMERO PROPÓN QUE OS MEDIOS PÚBLICOS SEXAN “MEDIOS ALTERNATIVOS” E OFRECER INFORMACIÓN DE CALIDADE Á CIDADANÍA
O responsable de Comunicación e Sensibilización do ACSUR Las Segovias, Miguel Romero, resaltou a necesidade de que os medios de públicos sexan “medios alternativos” e transmitan información de calidade á cidadanía, posto que non están rexidos polo interese mercantil. Neste senso considerou que a falta de pluralidade e de información de calidade chamada “polución informativa” e debe ser considerada como un “problema social”.
No marco das I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social, Romero salientou tamén que os medios, no tratamento banal das informacións sobre o terceiro mundo “habitúannos ás inxustizas como as guerras ou a inmigración” e conseguen neutralizar a resposta crítica e “eximen á cidadanía dos seus criterios de actuación”. Romero denominou esta situación como “polución informativa” e dixo que se trata dun problema social no que “o medo conquista aos cidadáns. Por iso a sociedade –dixo- descoñece o xeito de reaccionar, aínda que existan sentimentos solidarios e de rexeitamento das inxustizas”
Tamén destacou a dificultade para “a entrada de información crítica” nos grandes medios informativos. Por esta razón, especificou que dende as ONG’s “débese falar cos xornalistas, colaborar e traballar en común pero nunca en clave de conflicto” e traballar en accións de comunicación para difundir os seus proxectos e unha conciencia solidaria.
Dende o punto de vista do Responsable de Comunicación e Sensibilización do ACSUR Las Segovias, as ONG´s teñen “a responsabilidade de colocar información de calidade” nos medios de comunicación do xeito “máis efectivo posible”. Despois de recalcar a importancia cualitativa da información, criticou “a lóxica de vender publicidade dende as ONG’s”. Romero remarcou o feito de que a maioría das ONG´s españolas dediquen “menos porcentaxe de orzamentos a traballos de investigación e de divulgación que á propia captación de diferente tipo de recursos”
Miguel Romero é Licenciado en Ciencias da Información e é Coordinador de Estudios e Comunicación da Asociación para a Cooperación co Sur (ACSUR)-Las Segovias. Membro da redacción da revista Vento Sur. Forma parte do equipo de profesores de varios cursos universitarios entre os que está o Curso de Especialista na Información Internacional e Países do Sur da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Ademais coordina o módulo Tensións e resistencias no novo sistema mundial dentro do Mestrado Europa Século XXI: Filosofía e Ciencias Sociais.