Novas de Cooperación Galega
25/01/2016
Xeral

O Consello da Xunta aproba o Plan anual 2016 da Cooperación Galega

 O CONSELLO DA XUNTA APROBA O PLAN ANUAL 2016 DA COOPERACIÓN GALEGA

O Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2016 da cooperación galega para o desenvolvemento, que conta cun orzamento de máis de 4 millóns de euros e que recolle os compromisos, os medios de actuación e os recursos orzamentarios do goberno galego para este ano, de acordo xa coas orientacións establecidas no III Plan director da cooperación galega 2014-2017.

Este Plan Anual afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no III Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.

O Plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse neste ano 2016 a convocatoria de proxectos no exterior, a convocatoria de educación para o desenvolvemento e as bolsas de formación. Así mesmo, asínanse convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o FOGACOSOL e as Universidades Galegas, e manterase unha liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia que garanta que no ano 2016 a Xunta poida responder cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria.

En canto a actualización normativa, o Plan inclúe a elaboración dun Decreto no que se inclúan melloras cualitativas na normativa que regula a cooperación galega para o desenvolvemento.

Finalmente, avanzarase na necesaria avaliación das actuacións financiadas pola cooperación galega para mellorar a calidade da axuda. Así, tense previsto realizar a avaliación dos proxectos financiados desde 2007 en Ecuador, realizar a avaliación intermedia do III Plan Director 2014-2017 e publicar o Informe 2015 da Cooperación Galega para dar cumprimento ao principio de transparencia que debe orientar a xestión da cooperación.