Novas de Cooperación Galega
08/02/2019
Xeral

O Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2019 da cooperación galega, cun incremento no orzamento dun 11,61%

  • O Plan conta co visto e prace do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento que o aprobou o pasado 15 de xaneiro.
  • Parte dun orzamento de 5,6 millóns de euros, un 11,61% máis que en 2018.

 

O Consello da Xunta aprobou onte o Plan anual 2019 da cooperación galega tras a aprobación, o pasado 15 de xaneiro, polo Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.

O Plan anual da cooperación galega recolle os compromisos, medios de actuación e recursos orzamentarios que o goberno galego pon a disposición da cooperación para o desenvolvemento para o ano 2019, de acordo coas orientacións establecidas no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, e conta cunha dotación orzamentaria de 5,6 millóns de euros, o que representa un incremento dun 11,61% con respecto ao aprobado para 2018.

Para este ano o Plan aposta novamente pola utilización principal do instrumento das convocatorias públicas en concorrencia competitiva. Deste xeito, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega, como son as de proxectos de cooperación no exterior, educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, proxectos de acción humanitaria e bolsas de formación, así como  a de proxectos de investigación para o desenvolvemento das universidades galegas.

Por outra banda asinaranse, entre outros, convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o Fondo Galego, SOGAPS e a AECID, ademáis de continuar co financiamento daqueles proxectos aprobados no ano 2018 que teñen compromisos no 2019. Do mesmo xeito, seguirase a promover a cooperación técnica en materia de pesca e acuicultura e de xestión de recursos hídricos, como se vén realizando en colaboración coa Fundación CETMAR e Augas de Galicia.

Este Plan anual, enmarcado no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, afonda no logro dos resultados de xestión recollidos nel de cara á mellora da eficacia da axuda a través da súa concentración xeográfica e sectorial, a maior coordinación dos axentes e complementariedade das súas actuacións e a orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.