Novas de Cooperación Galega
10/01/2020
Xeral

O Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2020 da cooperación galega, cun orzamento de 6,6 millóns de euros

O Consello da Xunta aprobou onte, 9 de xaneiro, o Plan anual 2020 da cooperación galega, tras o informe favorable, por unanimidade, do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na súa reunión celebrada o pasado 25 de novembro.

O Plan anual da cooperación galega recolle os compromisos, medios de actuación e recursos orzamentarios que o goberno galego pon a disposición da cooperación para o desenvolvemento, de acordo coas orientacións establecidas no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021. Para este ano conta cunha dotación orzamentaria de 6,6 millóns de euros, o que representa un incremento dun 18% con respecto ao aprobado no 2019.

O Plan anual 2020 aposta novamente polas convocatorias públicas en concorrencia competitiva como principal instrumento de financiamento. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega, como son as de proxectos de cooperación no exterior, educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, proxectos de acción humanitaria e bolsas de formación de persoas expertas en cooperación, ademais de continuar co financiamento daqueles proxectos aprobados en 2019 que teñen continuidade no 2020.

Por outro lado, asinaranse convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o Fondo Galego, a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), a AECID, Farmamundi e as axencias de Nacións Unidas ACNUR e UNRWA. 

Ademais, levarase a cabo a oitava edición de Cooperación galega: o mundo que queremos, un programa de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e no que a Xunta colabora coas entidades Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz.

Así mesmo, continuarase co convenio coas tres universidades galegas para a consolidación da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento;  impartirase unha nova edición do curso monográfico A Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable e a súa implementación nas Administracións públicas, incluído no Plan de formación da EGAP, e darase continuidade á liña de transferencia tecnolóxica para a mellora da diversificación produtiva en materia de pesca e acuicultura, cun novo acordo con Anfaco–Cecopesca, no marco da iniciativa de desenvolvemento do sector acuícola na Baía de Sechura (Perú).