Novas de Cooperación Galega
12/02/2021
Xeral

O Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2021 da Cooperación Galega

O Consello da Xunta aprobou onte, 11 de febreiro, o Plan anual 2021 da cooperación galega, que contará cun orzamento de 7,4 millóns de euros, o que supón un incremento do 12 % con respecto ao aprobado o ano pasado. O Plan contou co visto e prace do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), que emitiu un informe favorable por unanimidade na súa reunión do pasado 27 de xaneiro.

Como novidade, cabe destacar que o Plan desenvolverase tomando como base a Estratexia de resposta á Covid-19 da cooperación galega, documento que foi elaborado, en colaboración cos axentes galegos de cooperación, a partir dunha diagnose da execución dos proxectos que están en marcha co fin de adaptarse ao novo contexto da pandemia, de tal forma que os recursos e instrumentos da cooperación galega se orientarán de cara a facilitar a loita contra o coronavirus e dar resposta ás persoas e colectivos máis vulnerables. A dita estratexia será complementaria do IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 e incorpórase como anexo ao Plan anual 2021 da cooperación galega.

Ligazóns