O Consello da Xunta dá o visto bo á remisión ao Parlamento de Galicia do IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 para a súa aprobación definitiva
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de onte o acordo polo que se lle propón ao Parlamento de Galicia que aprobe o IV Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2018-2021.
O proceso de elaboración deste IV Plan director da cooperación galega, documento que establece a planificación estratéxica da Xunta en materia de cooperación para os vindeiros catro anos, iniciouse no mes de decembro de 2017 e recibiu o informe favorable do Consello Galego de Cooperación (Congacode) o pasado 18 de abril.
A aprobación definitiva do Plan pola Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia está prevista para os meses de verán.
As principais novidades que presenta este Plan director son:
- O aliñamento coa Axenda 2030 de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas contribuíndo aos esforzos colectivos da cidadanía galega e dos actores públicos e axentes de cooperación para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
- O reforzamento da identidade singular, as vantaxes comparativas e o valor engadido da cooperación galega no contexto da cooperación española e con respecto dos principios de coordinación e complementariedade coa Administración Xeral do Estado.
- A previsibilidade dos recursos dispoñibles no marco dun crecemento sostible do programa 331A de cooperación exterior para o desenvolvemento da Xunta de Galicia e
- A transparencia e promoción dunha participación ampla e activa dos actores e axentes galegos de cooperación durante o seu proceso de elaboración de tal xeito que resulta coherente cos principios dunha política pública participativa e participada.
Por outro lado, o Consello da Xunta tamén aprobou na súa reunión de onte o Plan anual da cooperación gallega 2018.