O Consello galego de cooperación aproba o Plan anual 2015 da Cooperación galega
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu esta mañá en Santiago a xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento que contou coa asistencia dos/as representantes dos axentes galegos de cooperación.
O principal punto da orde do día foi a presentación do Plan Anual 2015 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que recolle as actuacións previstas para o ano 2015 e que conta cunha dotación orzamentaria de 4.143.715, o que supón o mantemento dos fondos con respecto ao ano anterior.
O Plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse todas as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperacion galega como son as de proxectos no exterior, fortalecemento e consolidación de ONGD, educación para o desenvolvemento, acción humanitaria e bolsas de formación. Así mesmo asínanse convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o FOGACOSOL e as Universidades Galegas, entre outros.
Este Plan Anual, enmarcado no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no dito Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.
Por outra banda, nesta xuntanza do Consello Galego de Cooperación o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE informou sobre os resultados da execución do Plan Anual 2014, que foi executado na súa totalidade, financiándose un total de 85 proxectos, o que da mostra un ano mais de que a solvencia é un dos sinais de identidade da Cooperación galega.
Finalmente na xuntanza presentouse o informe “Coherencia de políticas para o desenvolvemento e gobernos descentralizados”. A coherencia de políticas, entendida como a integración da perspectiva do desenvolvemento no conxunto da acción gobernamental, aparece recollida como unha das liñas de acción do III Plan Director, na que se esta xa a traballar con instrumentos como a inclusión de cláusulas socias na contratación ou a RSC empresarial.