O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento informa favorablemente do Plan anual 2026 da cooperación galega

- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, presidiu a reunión do organismo, na que tamén se fixo balance do Plan da Cooperación Galega do 2025, que foi executado ao 100%
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se presentou e informou favorablemente o Plan anual 2026 da Cooperación Galega, que contará cun orzamento de 10,3 millóns de euros, un 5% máis que o Plan de 2025.
Neste Plan anual 2026, enmarcado no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, para programas e proxectos de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, así coma as anuais de acción humanitaria e de microproxectos e a de seis bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.
Ademais, neste 2026 manterase a liña financeira para a axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria. Nesta liña, está prevista a sinatura de convenios coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR, UNRWA e Unicef entre outras organizacións.
No ámbito da educación para o desenvolvemento e do fortalecemento do sistema galego de cooperación, o Plan 2026 recolle a formalización de convenios con organizacións como a Coordinadora Galega de ONGD, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, as tres universidades galegas, así como as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz, para dar continuidade ao programa que se enmarca no Plan Proxecta: Activistas polo mundo que queremos.
Por outra banda, na reunión tamén se deu conta das actuacións levadas a cabo no marco do Plan anual 2025 da Cooperación galega, que contou cun orzamento inicial de 9,8 millóns de euros e tivo un grao de execución dun 100%, así como das actuacións levadas a cabo ao longo do ano pasado por outros departamentos da Xunta no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.
Cómpre lembrar que o Congacode é o órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.