O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento informa favorablemente, por unanimidade, o anteproxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia e o Plan Anual 2020 da Cooperación Galega
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), no que se aprobou por unanimidade o Plan Anual de Cooperación para o ano 2020.
- O Congacode, ao igual que o Consello de Acción Exterior de Galicia, deu o seu visto bo ao anteproxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
- Na reunión tamén se fixo balance do plan de 2019, que foi executado ao 100% e que contou cunha aportación de 500.000 euros ao abeiro dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para levar a cabo oito proxectos de atención a persoas refuxiadas nesta materia.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode). Un dos puntos da orde do día da reunión foi a aprobación do Plan Anual 2020 da Cooperación Galega. No documento recóllense as actuacións previstas para o ano 2020 e un incremento de máis dun millón de euros no orzamento respecto ao ano pasado. O programa conta cunha dotación orzamentaria de 6,6 millóns de euros, un 18,47% máis que o plan de 2019. Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, de “garantir un crecemento anual deste programa igual ou superior ao 11,4%”.
Este Plan Anual, enmarcado no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, aposta por dar cumprimento aos compromisos adquiridos no ano 2019 cos axentes aos que se lle aprobaron proxectos nas tradicionais convocatorias públicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior promovidos por ONGD e outros axentes de cooperación, aos que se destinarán 4.715.458 euros (1.886.183 en 2020 e 2.829.275 en 2021); aos que se suman 500.000 euros (200.000 en 2020 e 300.000 en 2021) para iniciativas de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global; así como outros 400.000 euros para programas de acción humanitaria. Tamén publicarase a convocatoria de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación.
Ademais, o Plan manterá a liña para axuda humanitaria e de emerxencia con 260.000 euros para a sinatura de convenios coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), Farmamundi, a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS), ACNUR e UNRWA; e a colaboración coas entidades locais a través da sinatura do convenio co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, para promover a participación das entidades locais galegas na área de cooperación para o desenvolvemento e mellorar dende o local a sensibilización da sociedade galega, ao igual que coa Coordinadora Galega de ONGD.
Do mesmo xeito, continuarase co convenio coas tres universidades galegas e tamén coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para levar a cabo o Plan Proxecta, dirixido a fomentar a innovación educativa nos centros educativos. Neste Plan enmárcase o convenio de colaboración coas entidades Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz para poñer en marcha a oitava edición do proxecto socioeducativo de concienciación sobre desigualdades globais denominado “Cooperación galega: O mundo que queremos”, que contará cunha dotación de 70.000 euros en dous anos. E un ano máis tamén se dará continuidade á liña de transferencia tecnolóxica para a mellora da diversificación produtiva do sector acuícola e pesqueiro mediante un novo convenio con Anfaco-Cecopesca.
O Congacode é o órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación (as Universidades, o Fondo Galego, a Fegamp, os sindicatos, a CEG e outras entidades do eido social). No encontro de hoxe, o Congacode, ao igual que o Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX), tamén deu o seu visto bo ao anteproxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
Balance do Plan anual 2019
Por outra banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE deu conta nesta reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento dos resultados da execución do Plan Anual 2019, que foi executado na súa totalidade, o que dá mostra un ano máis de que a solvencia é un dos sinais de identidade da Cooperación Galega. Ao orzamento inicial de 5,6 millóns de euros sumáronselle outros 500.000 euros de fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, xunto con partidas doutras consellerías destinadas á cooperación, de forma que a axuda total ascendeu aos 6,5 millóns de euros.