O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE continúa a súa viaxe institucional por Honduras visitando os proxectos financiados pola Xunta no departamento de Choluteca

- Nas últimas xornadas da visita coñeceu os proxectos de Solidariedade Internacional de Galicia en Choluteca, tanto para garantir a saúde da poboación como na asistencia e protección a persoas migrantes na fronteira suroriental de Honduras
- Tamén se reuniu co embaixador de España no país e coñeceu a Oficina de Cooperación Española
Tegucigalpa (Honduras), 28 de marzo de 2025.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, continúa a súa viaxe institucional a Honduras co obxecto de visitar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria que a Xunta de Galicia está a financiar nese país.
Durante as últimas xornadas a delegación galega tivo oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos que Solidariedade Internacional de Galicia está executando no Departamento de Choluteca. Así, no Municipio de San Marcos de Colón, esta ONGD, en agrupación con SÓLIDA e Solidariedade Galega e en colaboración co seu socio local, Sur en Acción, están a executar un proxecto que ven recibindo financiamento continuado da Xunta de Galicia dende o ano 2020.
Trátase de intervencións que buscan fortalecer a resiliencia e o benestar de máis de 7.000 persoas que habitan as 25 comunidades do municipio de San Marcos de Colón dende o enfoque da saúde integral. A través dun enfoque integral e con perspectiva de xénero estase a contribuír a garantir a vixencia plena do dereito á saúde das poboacións destinatarias reforzando a cobertura sanitaria do sistema descentralizado de saúde, fortalecendo as capacidades comunitarias para a prevención de enfermidades e promoción de contornas e hábitos de vida saudables, mellorando a calidade da atención en Saúde Sexual e Reprodutiva.
Na visita realizada ao Centro Integral de Saúde San Francisco a delegación galega puido comprobar os avances e melloras que se están a producir coas intervencións financiadas pola Cooperación Galega.
No ámbito da acción humanitaria, Solidariedade Internacional de Galicia e os seus socios locais, Sur en Acción e a Fundación Alivio ao Sufrimento, veñen prestando asistencia e protección a persoas migrantes na fronteira suroriental de Honduras grazas ao financiamento da Xunta.
Estas actuacións buscan mellorar a asistencia e protección da poboación migrante na fronteira sur oriental de Honduras a través da atención das necesidades básicas de 3.100 migrantes nos centros Monseñor Guido Charbonneau en Choluteca, Centro de Descanso Temporal Alivio del Sufrimiento en El Paraíso e Centro Casa Rafael, xunto ao punto fronteirizo de La Manos, nos que se brindan asistencia alimentaria, médica e psicosocial, con especial atención a núcleos familiares, mulleres e nenos e nenas. Jesús Gamallo puido coñecer o traballo que se realiza coa poboación migrante na visita que realizaron ao Centro de Atención ao Migrante Monseñor Guido Charbonneau.
Finalmente, xa en Tegucigalpa a delegación galega tivo un encontro co embaixador de España no país, Diego Nuño García, e visitou a Oficina da Cooperación Española (OCE) na que mantivo unha reunión co seu coordinador xeral, Francisco José Tomás Moratalla, e o seu equipo.
Honduras, un país estratéxico para a Cooperación Galega
Honduras é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo desenvolto por numerosos axentes galegos de cooperación neste Estado.
O seu carácter prioritario aparece recollido nos Plans Directores que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia dende o 2006 ata este momento, o que explica o volume de axuda canalizada ao país neste período. Tanto é así que o importe destinado a este Estado acadou máis de 9,3 millóns de euros.