Novas de Cooperación Galega
06/11/2017
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE inicia unha visita a Guatemala para realizar o seguimento dos proxectos financiados pola Cooperación Galega nese país

  • Guatemala é un país prioritario para a Cooperación Galega desde 2006 e nesta década téñense aportado máis de 9 millóns de euros en axudas
  • A visita centrarase en proxectos levados a cabo por ONGD como Arquitectura Sen Fronteiras, PROYDE e Farmamundi

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, percorrerá Guatemala a partir deste luns 6 ata o xoves 9 de novembro co obxectivo de visitar os proxectos que a Xunta de Galicia, a través dos fondos de cooperación ao desenvolvemento, financia neste país e que neste momento están sendo executados por ONGD como Arquitectura Sen Fronteiras, Asociación PROYDE e Farmamundi.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acompañado da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, coñecerá en profundidade proxectos sobre habitabilidade, saneamento, saúde, educación, prevención de riscos e desenvolvemento comunitario.

Os obxectivos principais da viaxe ao país centroamericano, ademais de coñecer de primeira man os proxectos que se están a financiar nesta anualidade, pasan tamén por reunirse coas organizacións que lideran estes proxectos e coas autoridades locais que os apoian, así como escoitar as apreciacións das persoas beneficiarias deles.

O percorrido comezará o luns na capital, Ciudad de Guatemala, onde a delegación da Xunta se reunirá na mañá co Coordinador Xeral da Oficina Técnica da Cooperación Española, Miguel González Gullón e co seu equipo para coñecer as liñas de traballo da cooperación española no país (España é o segundo donante en volume de Axuda Oficial ao Desenvolvemento). Tamén se entrevistarán co embaixador de España en Guatemala, Alfonso Portabales Vázquez.

Tras esta primeira mañá máis institucional, a delegación da Xunta dirixirase ao departamento de Retalhuleu, onde está instalada a delegación da ONGD Arquitectura Sen Fronteiras (ASF) e onde se desenvolven os proxectos de habitabilidade e fortalecemento comunitario.

Xa sobre o terreo, o día 7 coñecerán ás mulleres beneficiarias do proxecto de habitabilidade de ASF no que se dotou de vivendas dignas a mulleres viúvas e nais solteiras das comunidades máis vulnerables deste departamento costeiro, todas elas de orixe indíxena que tiveron que desprazarse das zonas máis montañosas á costa polo conflito armado que viviu o país ata 1996 e comezar o seu proxecto vital desde cero.

Tras coñecer esta iniciativa, que leva sendo apoiada pola Cooperación Galega desde o 2014 ata a actualidade (548.700€), achegaranse ao proxecto de mellora da calidade educativa con perspectiva cultural e de xénero que realizan en 8 comunidades do municipio de Champerico as ONGD PROYDE (Promoción y Desarrollo) agrupada con ASF, e que leva recibindo fondos da Xunta desde o ano 2015 ata a actualidade (549.390€). Acompañará á visita unha comisión formada polo alcalde de Champerico, un representante do Ministerio de Educación e unha representación do Consejo Comunitario de Autoridades.

O mércores 8 trasladaranse de Retalhuleu a San Martín Sacatepéquez, departamento de Quetzaltenango, para ver o proxecto de redución da desnutrición en menores de cinco anos e mulleres embarazadas que leva a cabo Farmamundi. Xunto a representantes desta ONGD estará a Asociación de Servicios Comunitarios de Salud. Visitarán o posto de saúde remodelado co proxecto e ás persoas que traballan nel todos os días atendendo aos habitantes destas comunidades e comprobarán en primeira persoa como diminuíu a vulnerabilidade destas comunidades gracias a ter acceso á saúde. Farmamundi leva traballando en Guatemala desde o 2012 e ten recibido financiamento público todos os anos ata a actualidade, sumando un monto total de 814.714€.

 

País estratéxico

Guatemala é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo desenvolvido por numerosos axentes galegos de cooperación neste país.

O seu carácter prioritario aparece recollido nos tres Plans Directores que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia desde o 2006 ata este momento, o que explica que o volume de axuda canalizada ao país durante a última década alcance os 9.802.274,47€. A maioría das axudas teñen sido canalizadas de forma directa a través de convenios 5.436.424,00€, o que representa un 55,46% e 4.365.850,47€ a través de convocatorias abertas.

A distribución sectorial da axuda é diversa, aínda que destaca o sector de desenvolvemento económico e produtivo, en concreto o sector da pesca artesanal (25,62%), sinal de identidade da nosa cooperación. Destaca tamén o apoio ao sector de necesidades básicas, en particular ao acceso á saúde cun 22,37€, habitabilidade básica cun 16,75%, mellora da calidade cun 15,50% ou auga e saneamento cun 7,85%.