Novas de Cooperación Galega
22/04/2021
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu esta semana nas Comisións de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento do Congreso dos Deputados e do Senado

  • A comparecencia no Congreso tivo lugar o martes día 20 e a do Senado na mañá de hoxe e ambas estiveron relacionadas coa actualización do marco normativo e do sistema de cooperación internacional para o desenvolvemento.

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou en ambas comparecencias a importancia da cooperación descentralizada realizada polas comunidades autónomas e as entidades locais que, como no caso de Galicia, conta cun importante peso das ONGD e os seus socios locais, que canalizan arredor do 80% dos fondos destinados a intervencións de cooperación para o desenvolvemento.

Jesús Gamallo tamén incidiu nas súas intervencións en que o sistema español de cooperación internacional para o desenvolvemento debería promover a posta en marcha de iniciativas vinculadas a materias competencia exclusiva de cada comunidade nas que teñen unha experiencia e unhas capacidades acumuladas. En canto á Cooperación Galega, a Xunta aposta, ademais, pola especialización nos eidos que pode aportar un valor engadido como a pesca e a acuicultura ou a xestión dos recursos hídricos.

A educación para o desenvolvemento e a cidadanía global –sinalou- é outro dos valores engadidos da cooperación descentralizada que é necesario apoiar dende a Cooperación Galega, tendo en conta, ademais, que a meirande parte das ONGD galegas traballan neste eido como unha das súas liñas estratéxicas.

Jesús Gamallo lembrou as recomendacións de diferentes organismos internacionais que avogan por unha maior división do traballo e un maior grao de especialización dos diferentes actores da cooperación internacional para evitar solapamentos e duplicidades que poden “limitar a eficacia e a calidade da axuda”.

Lembrou tamén que Galicia participa de forma activa nos encontros anuais de comunidades autónomas e a cooperación para o desenvolvemento, para debater sobre os retos de futuro da cooperación descentralizada, buscando reforzar o seu valor diferencial, e sobre a necesidade de avanzar na coordinación entre os diferentes niveis da Administración para dar cumprimento á Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable, que define o marco global para a promoción do desenvolvemento dos próximos anos.

Galicia mantén, ademais, o seu compromiso de coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e coas demais comunidades autónomas, a través da subscrición dos convenios, como é o caso do subscrito entre a cooperación descentralizada e a AECID para a acción conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria.

Nese sentido, Jesús Gamallo avogou porque, de cara a la Lei estatal de cooperación, se revise a coordinación entre actores, creando espazos e estrutura para garantir, non só o intercambio de información e coñecemento mutuo, senón tamén unha coordinación e complementariedade efectivas, con vistas a xerar accións e iniciativas conxuntas, desde a súa identificación e deseño.

 

Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia

Por outra parte, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE sinalou a importancia da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que entrou en vigor a comezos deste mes de abril.

O Goberno galego busca con esta norma reforzar a proxección exterior de Galicia  e considera a cooperación para o desenvolvemento como ámbito principal da actividade exterior desta Comunidade. A lei introduce novidades que permiten dotar de maior axilidade e flexibilidade á xestión das subvencións aos axentes de cooperación no exterior para garantir eficiencia.

Por iso, Jesús Gamallo propuxo en ambas comparecencias que, no marco da reforma que se está encarando, se elabore unha regulación de subvencións  específica para esta materia que homoxenice a multiplicidade de procedementos administrativos e trámites burocráticos aos que agora se enfrontan os axentes de cooperación no seu trato coas diferentes administracións.