Novas de Cooperación Galega
02/06/2021
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE mantivo unha reunión en liña con representantes de Unicef en España e en Venezuela

  • A Xunta destinou en 2020 100.000 euros a un programa de alimentación e hixiene para familias venezolanas en colaboración con Unicef.

 

A Xunta destinou 100.000 euros a un programa de alimentación e hixiene do que se beneficiaron 634 familias venezolanas a través dun convenio entre a Administración galega e o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef).

Nunha reunión en liña mantida hoxe entre o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, con representantes de Unicef en España e en Venezuela, valorouse o resultado do proxecto Plan de resposta educativa covid-19: Programa de alimentación no Municipio Libertador do Distrito Capital-Venezuela, que se puxo en marcha o ano pasado co obxectivo de contribuír na mellora da asistencia das familias da zona.

Con ese motivo distribuíronse cada dúas semanas bolsas de alimentos non perecedoiros das que se beneficiaron 634 familias - 544 familias de estudantes e 90 familias de docentes- en tres escolas do Distrito Capital do Municipio Libertador. Foron entregadas 2.105 bolsas de comida durante catro meses e o programa foi tan ben recibido pola comunidade que, no período no que estivo activo, experimentouse un incremento da matrícula escolar do 27,2%.

Tamén se distribuíu unha caixa de primeiros auxilios por familia para a prevención ante a covid-19, así como material de promoción de boas prácticas no fogar.

 

Renovación do convenio

O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) é a principal organización internacional que traballa para promover os dereitos dos nenos e das nenas no mundo, e conta con capacidade técnica e loxística, ademais de autorizacións, para dar unha resposta axeitada ás actividades programadas, con presenza en 190 países susceptibles de recibir axuda humanitaria ou de emerxencia.

A Xunta de Galicia vén colaborando dende hai anos co comité español e co comité autonómico galego de Unicef, de tal maneira que, desde o ano 2012, concedéronselle 779.109 euros en axudas para as súas actividades en beneficio da poboación máis vulnerable dos países nos que opera. No ano 2021 asinouse con Unicef un novo convenio para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia por valor de 100.000 euros.