O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE recibiu aos novos bolseiros de cooperación internacional
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesus Gamallo recibiu aos bolseiros e bolseiras que se incorporarán aos seus destinos en Iberoamérica e África nos vindeiros días. Ademais un deles estará na sede da Dirección Xeral en Santiago.
Son os adxudicatarios das cinco bolsas de formación en cooperación para o desenvolvemento, convocadas polo Goberno galego para este ano.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, fixo especial referencia na súa intervención á importancia da formación de persoal experto no ámbito de cooperación para o desenvolvemento, recollida no Plan director da cooperación galega 2014-2017, no obxectivo de fomentar a formación nos ámbitos de cooperación para o desenvolvemento.
Durante a xuntanza, Gamallo destacou a utilidade deste instrumento para facilitar aos bolseiros unha experiencia para familiarizarse cos procedementos administrativos dunha estrutura gobernamental, o beneficio que supón para a Administración, por ser un investimento que terá un retorno a medio e longo prazo para todo o sistema de cooperación e pola importancia de reforzar a relación entre a Xunta e outras institucións nas que se desenvolven as bolsas.
Na reunión tamén se incidiu na importancia de que os novos bolseiros entran a formar parte da familia dos cooperantes galegos polo que lles corresponde ser embaixadores da Cooperación Galega alí onde vaian. Segundo se explicou, realizarán un labor solidario e achegarán a súa contribución á construción dun mundo no que a xustiza e a igualdade non sexan só palabras e boas intencións e desexoulles a todos que a experiencia que van vivir sexa o máis satisfactoria posible, tanto no ámbito da formación como no persoal.
O principal obxecto da convocatoria de bolsas é o de apoiar a formación de persoal experto en cooperación internacional, coa finalidade de complementar a formación académica distinguindo dous tipos de bolsas: por unha banda, 4 bolsas de formación para levar a cabo actividades en países en desenvolvemento, en colaboración con outras institucións que estean traballando sobre o terreo, en concreto, en 4 Oficinas Técnicas de Cooperación dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, OTC Guatemala, OTC Ecuador, OTC República Dominicana e OTC Mozambique; e por outra banda, unha bolsa de formación para levar a cabo actividades na propia Dirección Xeral de relacións Exteriores e coa UE. O obxecto destas bolsas é permitir familiarizarse cos procedementos administrativos dunha estrutura gobernamental, adquirindo unha valiosa experiencia.