Novas de Cooperación Galega
10/09/2018
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE recibiu aos novos bolseiros de cooperación internacional

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE  recibiu ás persoas beneficiarias das seis bolsas de cooperación para o desenvolvemento,  que se incorporarán aos seus destinos en Iberoamérica e África nos vindeiros días. Ademais dúas delas estarán na sede da Dirección Xeral en Santiago.

As persoas destinatarias das bolsas de formación da Cooperación Galega participaron nunha xornada de recepción e formación con técnicos da Dirección Xeral antes de partir para os seus destinos en África e América Latina. Na xornada, os novos bolseiros e bolseiras recibiron información dos proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo.

Catro dos bolseiros incorporaranse ao longo deste mes de setembro ás Oficinas Técnicas de Cooperación da AECID na República Dominicana, Guatemala, o Perú e Mozambique, todos eles países prioritarios da Cooperación Galega segundo o establecido no IV Plan director 2018-2021. As dúas restantes bolseiras realizarán a súa formación na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela.

Durante a xuntanza, Gamallo destacou a utilidade deste instrumento para facilitar unha experiencia para coñecer mais polo miúdo os procedementos e a xestión da cooperación que leva a cabo o Goberno Galego , o beneficio que supón para a Administración, por ser un investimento que terá un retorno a medio e longo prazo para todo o sistema de cooperación e pola importancia de reforzar a relación entre a Xunta e outras institucións nas que se desenvolven as bolsas.

O principal obxecto da convocatoria de bolsas é o de apoiar a formación de persoal experto en cooperación internacional, coa finalidade de complementar a formación académica distinguindo dous tipos de bolsas, que para este ano son, por unha banda, República Dominicana, Guatemala, o Perú e Mozambique, e por outra banda, dúas bolsas de formación para levar a cabo actividades na propia Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. O obxecto destas bolsas é permitir familiarizarse cos procedementos administrativos dunha estrutura gobernamental, adquirindo unha valiosa experiencia.