Novas de Cooperación Galega
27/03/2017
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE reúnese cos representantes das ONGD participantes no proxecto: Cooperación Galega: o Mundo que Queremos

Na xuntanza participaron Maria Paz de Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), Lorena Seijo da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Mónica Viqueira e Paula Rojas da Fundación Educación y Cooperación (Educo) e Tania Jacome de Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), quenes viñeron acompañadas por Marleni Polo, representante da ONGD dominicana Instituto de Acción Comunitaria, que se encontra de visita en Galicia para participar en diversos encontros cos estudantes dos centros educativos galegos cos que se traballa no marco de proxecto “Cooperación Galega: o Mundo que Queremos”

O citado proxecto, que se atopa xa na súa 4ª edición, ten como obxectivo contribuír ao fomento dunha adolescencia galega consciente da interconexión entre as realidades locais e as dinámicas globais e ao apoio no exercicio da súa corresponsabilidade da construción da xustiza social, a través da educación para o desenvolvemento, a solidariedade e a loita contra a pobreza, nos centros educativos galegos.

Desde o ano 2013, en que se iniciou a primeira edición do proxecto, traballouse con 24 centros educativos, 94 profesores e máis de 2.000 alumnos, recibindo un financiamento total de 250.000 € por parte de Xunta de Galicia.

Neste ano 2017 está previsto asinar, ao abeiro do Plan Proxecta, no marco de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un novo convenio coas mesmas ONGD para afondar no proxecto e co que se espera chegar, polo menos, a 5 centros de ensino, cunha dotación prevista de 70.000 €.