Novas de Cooperación Galega
06/11/2014
Xeral

O Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE visita os proxectos financiados pola Cooperación Galega en Nicaragua

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, acompañado pola subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, mantivo unha xuntanza cos axentes implicados no proxecto dedicado a un sector estratéxico do mar. No acto celebrado na sede do INPESCA, representantes do goberno de Nicaragua, Universidade de León e a FAO, entre outros, deron conta do actual estado desta notable iniciativa no país centroamericano.

Este proxecto cofinanciado pola Xunta de Galicia e a UE permitirá mellorar a trazabilidade da transformación e comercialización de produtos pesqueiros participados por mulleres dedicadas a pesca artesanal e á acuicultura en Nicaragua, grazas a un investimento superior o medio millón de euros.
Segundo palabras de Jesús Gamallo, esta serie de esforzos da administración autonómica poñen de manifesto que “Nicaragua é un país prioritario para a nosa cooperación”. Neste sentido, lembrou que este proxecto ten un orzamento total de 533.494 euros que nun 75% proceden da Unión Europea e un 25% da Xunta de Galicia. A repartición se fará en tres anualidades, dende o 2014 ata 2016, coa finalidade de lograr unha autosustentabilidade deste relevante montante nas comunidades situadas nas costas do Pacífico e Atlántico.
O director xeral puxo en valor “o compoñente de xénero deste proxecto, por que se trata dunha actividade fundamental para o desenvolvemento das comunidades do país”, declarou Gamallo. Ademais, invitou a todas as partes implicadas no proxecto a facer posible a capacitación das mulleres que, en gran medida, actúan no proceso de loxística e organización da comercialización e distribución do pescado e os produtos do mar.
A Fundación CETMAR foi a parte solicitante da subvención deste proxecto tendo en conta como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Nacional Autónoma de Nicaragua (UNAN-León). Namentres, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e Unión Europea financia esta proposta de promoción dun sector primario moi vinculado a Galicia como é a pesca.
Nos tres anos de duración, haberá accións de reforzamento das capacidades das mulleres no procesamento e a comercialización de peixe, a través de accións e divulgación, así como impulsar asociacións e redes do sector da pesca e acuicultura co reto de crear un tecido social e sectorial máis sólido. O papel das institucións na promoción do emprego e xeración de ingresos no ámbito rural tamén será outros dos compoñentes deste proxecto de cooperación.
E, por último, favorecer o emprendemento forma parte das accións finais desta actuación trianual en Nicaragua. Fomentar o desenvolvemento de actividades económicas xeradoras de ingresos a través da formación das diferentes asociacións en materia empresarial e desenvolvemento de actividades sostibles e rendibles no tempo.