Novas de Cooperación Galega
08/11/2017
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE visita os proxectos de educación e hábitat saudable que as ONGD galegas desenvolven en Guatemala

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, visitou durante estes días no sur do país proxectos de Arquitectura Sen Fronteiras e PROYDE
  • Tamén se reuniu co embaixador de España en Guatemala e co coordinador xeral da Oficina Técnica da Cooperación Española

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, está a percorrer en Guatemala distintos proxectos impulsados por ONGD galegas. Nas dúas primeiras xornadas no país visitou na zona sur iniciativas en materia de hábitat saudable e educación impulsadas por Arquitectura Sen Fronteiras (ASF) e PROYDE.

O director xeral tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os avances en educación conseguidos na comunidade Santa María del Mar, no municipio de Champerico, acompañado polo técnico de ASF Adrián Ferreiro. Neste lugar a ONGD levou a cabo a construción dunha escola e dotou de novos materiais educativos para fomentar a comprensión lectora a escolares de primaria e pre-primaria.

Toda a comunidade recibiu á delegación galega e manifestou o seu propósito de seguir traballando para que os proxectos de cooperación sexan o máis eficaces e útiles posibles. Gamallo destacou o compromiso de toda a comunidade e os seus líderes neste proceso e recordou que a maior riqueza dun país é a súa calidade educativa, que marca a diferenza de cara ao futuro.

Pola súa banda, ASF destacou que se poden realizar intervencións integrais deste tipo grazas ao financiamento da Cooperación Galega. Non se trata só da construción dun espazo físico, senón dun proceso de empoderamento das comunidades, de formación técnica e de oportunidades produtivas. De feito, a escola visitada foi construída grazas ao traballo dos beneficiarios, que contaron co apoio técnico de ASF. Ademais, gran parte dos materiais foron fabricados na propia cooperativa da comunidade. A todo isto engádese o compoñente de formación en medidas de saúde e hixiene, o acompañamento pedagóxico aos docentes e o fomento da educación en 9 idiomas maias. O próximo reto é traballar con nenos e nenas con necesidades especiais.

Tras ver o novo centro educativo, a visita continuou na Cooperativa B´eljuj Q´anil, na que homes e mulleres fabrican os seus propios materiais de construción, adaptados á climatoloxía local e que reducen a acumulación de calor nas vivendas. Neste proxecto destaca a importancia da organización comunitaria, xa que eles mesmos son os que marcan as necesidades prioritarias das súas comunidades. Todos se mostraron satisfeitos de contribuír a mellorar a vida local, participando nos proxectos de cooperación de forma activa.

Despois das visitas, a delegación da Xunta compartiu un almorzo coa comunidade e pola tarde dirixiuse a Montecristo, departamento de Retalhuleu, para visitar vivendas construídas grazas ao financiamento galego. Estas vivendas aportan un teito seguro e un espazo de privacidade ás familias que antes vivían en construcións precarias de lámina ou baixo lonas de plástico.

A xornada rematou na comunidade de El Triunfo, na se mantivo unha xuntanza coa poboación indíxena.

 

Visita institucional

Esta visita de tres días comezou o luns na capital, Ciudad de Guatemala, onde a delegación da Xunta se reuniu co coordinador xeral da Oficina Técnica da Cooperación Española, Miguel González Gullón e co seu equipo para coñecer as liñas de traballo da cooperación española no país, que se centran en equidade de xénero, desnutrición infantil e acceso a auga e saneamento. A Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento leva 30 anos apoiando ao país, o que converte a España no segundo donante de AOD en Guatemala.

Ao mediodía do luns, o embaixador de España en Guatemala, Alfonso Portabales Vázquez, recibiu aos representantes da Xunta e a integrantes das ONGD galegas presentes no país.

Este mércores está previsto que a delegación se traslade a San Martín Sacatepéquez, departamento de Quetzaltenango, para ver o proxecto de redución da desnutrición en menores de cinco anos e mulleres embarazadas que leva a cabo Farmamundi. Xunto a representantes desta ONGD -acudirá un dos seus responsables, Giovanni Salazar-. estará a Asociación de Servicios Comunitarios de Salud.