Novas de Cooperación Galega
15/11/2006
Xeral

O GOBERNO GALEGO COLABORARÁ COA PROVINCIA ECUATORIANA DE MANABÍ NO FORTALECEMENTO DO SEU SECTOR PESQUEIRO ARTESANAL

O Consello da Xunta deu, na súa reunión deste xoves, o seu visto e prace á sinatura dun convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Axencia de Desenvolvemento da Provincia de Manabí para o cumprimento destes obxectivos.

Dentro do I Plan Director de Cooperación Galega 2006-2009, da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, maniféstase o interese da Administración autonómica galega por apoiar actuacións de cooperación en materia de desenvolvemento rural naqueles países considerados prioritarios para a Cooperación galega, como é o caso de Ecuador.

 Pola súa banda, a Axencia de Desenvolvemento da Provincia de Manabí ten como finalidade a promoción do desenvolvemento económico en beneficio das comunidades da provincia. A Xunta considera de interese colaborar con esta axencia porque considera que as accións de cooperación deben ser canalizadas por medio de entidades que coñezan o terreo en que operan e que dispoñan dunha infraestrutura operativa mínima para garantir o éxito das accións.

Capacitación, pesca responsable e seguridade

A través deste acordo de colaboración realizarase un diagnóstico das necesidades de capacitación e asistencia técnica ás organizacións pesqueiras locais, en base ao cal se realizará un Programa de Extensión Pesqueira do Peixe co gallo de reforzar as cooperativas pesqueiras artesanais da provincia de Manabí achegándolles formación e asesoramento in situ. Así mesmo, procurarase acadar unha mellora nas técnicas de manipulación, almacenamento e procesamento do peixe de cara á implantación dunha pesca responsable e o incremento da seguridade no mar.

Paralelamente, deseñarase e porase en marcha un programa de formación acuícola para as comunidades asentadas no esteiro do Río Chone, nesta mesma zona. A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias en materia de cooperación exterior, vén executando proxectos e programas en países cun baixo índice de desenvolvemento humano por medio de instrumentos de cooperación técnica e económica en colaboración con outros entes públicos e privados.

Deste xeito, desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estanse a executar diversos proxectos decooperación para o desenvolvemento en materia pesqueira en países de Centroamérica e Iberoamérica.