O GOBERNO GALEGO COMPROMÉTESE A “CONSOLIDAR A ESTURUTURA E MEDIOS DA AXENCIA HUMANITARIA DE GALICIA
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, asegurou esta mañá que o Goberno galego “marcouse como unha das accións importantes para esta nova etapa política consolidar a estrutura e os medios da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia” para que o noso país teña “un papel activo dentro do escenario internacional” e contribuír a que “ningún país se sinta illado ante unha catástrofe”.
Fabiola Sotelo inaugurou en Santiago as I Xornadas Galegas de Axuda Humanitaria organizadas por Cruz Vermella coa colaboración do Goberno galego e a Universidade de Santiago de Compostela. Na inauguración tamén participaron a presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, e a decana da facultade de Ciencias Políticas, Nieves Lagares.
A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta expuxo que a Axencia Humanitaria de Galicia é “unha institución que canaliza de xeito eficaz as axudas cando máis necesarias son e con máis urxencia se reclaman”, destacando que se trata “dun axente aberto á sociedade civil galega” rexida nas súas accións polos principios de “vulnerabilidade e necesidade das poboacións afectadas por unha catástrofe humanitaria” .
Neste sentido, salientou que o Plan Director da Cooperación Galega recolle “a prevención, o socorro e a rehabilitación e reconstrución” como “principais liñas estratéxicas da axuda humanitaria” galega. “Para lograr que a axuda galega sexa o máis efectiva posible –dixo Sotelo- estamos a redefinir o destino das axudas buscando apoio naqueles aspectos da axuda humanitaria e de emerxencia onde as ONGD's teñen máis difícil obter fondos privados, evitando prioridades sectoriais ou xeográficas, incrementamos os orzamentos destinados a este tipo de axudas e procurando, ao mesmo tempo, comprobar a experiencia na xestión dos fondos das organizacións ás que se achegan os fondos”.
Concellos e Deputacións Fabiola Sotelo puxo o acento na “coordinación” para o éxito da axuda de emerxencia e chamou aos Concellos e Deputacións a sumarse a estas actuacións. “Unindo os nosos esforzos, podemos conseguir que a axuda galega nas crises humanitarias se converta en algo real e non simplemente simbólico”, manifestou na súa intervención.
520.000 euros para os efectos do tsunamiFabiola Sotelo informou que no último ano foron varias as accións que o Goberno galego levou a cabo en zonas que sufriron catástrofes naturais. Así, referiuse ás destinadas a paliar os efectos do tsunami que afectou en 2004 ao sueste asiático, para o que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, achegou un total de 520.000 euros. Con esta achega, fíxose posible a distribución de alimentos en cociñas comunitarias, a construción de refuxios temporais para as familias afectadas, e proporcionar atención sanitaria tanto a nenos como a adultos.
Paquistán foi outro dos destinos da axuda galega, segundo informou a directora xeral de Cooperación Exterior. Enviáronse a Cachemira dúas toneladas de medicamentos e pastillas potabilizadoras, á zona onde 55.000 persoas morreron e máis de tres millóns quedaron sen fogar tralo sismo de outubro do pasado ano.
Catro días de traballoEstas primeiras xornadas galegas de axuda humanitaria celebraranse en Santiago a partir de hoxe e ata o vindeiro xoves 16 de novembro, na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, baixo o lema “novas emerxencias, o enfoque da axuda”. Organizado pola Cruz Vermella coa colaboración do Goberno galego e a Universidade de Santiago, este encontro reunirá a profesores, especialistas, técnicos de Organizacións non Gobernamentais e xornalistas para analizar as actuacións que se levan a cabo en situacións de emerxencia humanitaria dende diferentes perspectivas.
Deste xeito, ao longo do día de hoxe participarán o Coordinador Xeral de Cruz Vermella Española, Antoni Bruel i Carreras, que pronunciará a conferencia inaugural; o profesor de Dereito Internacional Público da USC, Miguel Arenas Meza, que falará das emerxencias no novo escenario internacional, e Susana Mateo Soutiño, técnica de proxectos da ONGD Zabalketa.
Mañá, martes, o profesor de Dereito Internacional Público da USC, Julio Jorge Urbina, fará unha exposición de introdución ao Dereito Internacional Humanitario e, posteriormente, os poñentes achegaranse á importancia das novas tecnoloxías como mobilizadoras de recursos e persoas nas emerxencias, ao caso do Sudeste asiático de decembro de 2004, o maior operativo humanitario da historia; e ás estratexias de intervención nas emerxencias dende o punto de vista das organizacións non gobernamentais.O mércores ás 9,30 horas retómanse as xornadas de traballo coa intervención do Coordinador de Cooperación Internacional de Cruz Vermella, Fidel Marín Rocha, sobre as estratexias e as iniciativas para abordaxe das emerxencias humanitarias. Posteriormente falarase das estratexias de axuda humanitaria na cooperación española e galega, a responsabilidade social corporativa nestes casos, as estratexias públicas e privadas e a coordinación das iniciativas humanitarias, así como o papel dos exércitos como actores nas emerxencias humanitarias.
Na última sesión de traballo, o xoves 16, abordarase a faceta da comunicación e a visualización das emerxencias. Para este apartado intervirán o delegado de comunicación de Cruz Vermella Española, Miguel Ángel Rodriguez; un representante de Reporteiros Sen Fronteiras; o xornalista de La Voz de Galicia David Beriain e a Responsable autonómica de Comunicación de Cruz Vermella, Marta Fernández Sánchez.